11/01/2024

Protección Civil de Barbadás realizou máis dun millar de intervencións durante o 2023 e reforzouse con 5 novos voluntarios

O servizo municipal de Protección Civil de Barbadás realizou, ao longo do 2023, máis dun millar de intervencións. En concreto, atenderon 177 situacións de emerxencia como incendios, accidentes de tráfico e rescates; un total de 339 servizos urxentes como entradas forzadas ou busca de desaparecidos; 417 non urxentes como a retirada de vexetación, asolagamentos, ou recollida de animais e 119 operativos programados e relativos a apoio de tráfico, eventos culturais e deportivos ou festas patronais.

O servizo de Protección Civil reforzouse coa incorporación de 5 novos voluntarios que realizaron a súa formación básica. En total, as horas de formación do persoal durante todo o ano ascendeu a 850.

Por áreas, no relativo á de forestal, estivo activa a brigada de prevención e extinción de incendios e dous condutores de camión autobomba durante os meses do verán, que acudiron a un total de cinco incendios dentro do distrito XII e fixeron labores de prevención de incendios mediante roza manual nun total de 8 hectáreas. O tractor rozadora actuou nun total de 24 hectáreas e tamén en actuacións en materia de prevención.

No apartado de disciplina medioambiental, localizáronse cinco puntos de vertedura de entullos sobre os que se actuou procedendo á súa retirada segundo a normativa vixente. Sobre os leitos fluviais fixéronse intervencións de retirada de vexetación arbórea con risco de caída, limpeza de residuos sólidos urbanos e eliminación de especies invasoras en coordinación coa Confederación Hidrográfica. En canto ao control de pragas, a maiores das actuacións rutinarias programadas, fixéronse 10 actuacións de urxencia para control de roedores, formigas e outros insectos en puntos concretos con alta incidencia.

En coordinación coa Tenencia de Alcaldía, o programa CER de colonias felinas recibiu impulso coa incorporación de novas colaboradoras que se encargan da xestión das colonias, e conseguise un local que se está a preparar para que as femias esterilizadas podan pasar o período de curación antes de ser retornadas.

Na actividade administrativa, o máis destacable foi a proposta de creación da Xunta Local de Protección Civil,  aprobada polo pleno do Concello de Barbadás e que promoverá a elaboración durante o 2024 dun novo Plan de Emerxencias Municipal. Ademais, está en elaboración o novo plan municipal de prevención de incendios forestais e o plan de emerxencia de inundación por rotura da presa de Velle.

O concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, valora positivamente estes datos que confirman o necesario traballo constante destas áreas consideradas servizos esenciais.

 

 

Novas

CONTENT.1711624988

SINGLE.1711624988