01/09/2025
2025-2026 – Novo curso na Escola Infantil de Barbadás
Comezo do curso, 3 de setembro

Na Escola Infantil Municipal de Barbadás contamos cun total de 102 prazas repartidas en 7 unidades educativas dirixidas a nenos e nenas de 0 a 3 anos.
Sabemos que os primeiros anos de vida son decisivos no desenvolvemento integral dos máis pequenos. Por iso, na nosa escola damos moita importancia á relación entre as familias e o centro. Para facilitar esta comunicación, poñemos á vosa disposición diversos recursos como axendas escolares, unha aplicación móbil e sesións de titoría personalizadas. A participación activa e continua de ambas partes é clave para acadar os mellores resultados.
A chegada á escola é un momento de cambio importante para os nenos e nenas, xa que implica afastarse temporalmente do fogar e das figuras de apego. Nestes primeiros días, a actitude positiva das familias será fundamental. Transmitir confianza e ilusión pola nova etapa axuda a que o proceso sexa máis doado. Aquí van algúns consellos útiles:
– Preparar a mochila en compañía do voso fillo ou filla.
– Afrontar o momento da despedida con tranquilidade.
– Falar da escola con alegría, destacando as experiencias novas e ás persoas que coñecerán.
Convén lembrar que o período de adaptación é diferente para cada neno e nena. Non hai prazos marcados, xa que cada un ten o seu ritmo e as súas necesidades. Na nosa Escola Infantil, traballamos con sensibilidade e dedicación para facer desta etapa unha experiencia o máis agradable e segura posible, respectando sempre as particularidades de cada alumno/a.
O martes, 2 de setembro, teremos unha reunión con motivo do inicio do curso, á que pregamos a asistencia dos pais/nais/titores:
- 9:30 h ____ 2-3 anos
- 10:30 h ___ 1-2 anos
- 11:30 h ___ 0-1 anos
O curso 2025-2026 está a piques de comezar, e como cada ano, estamos ilusionados por acompañarvos nesta nova e fermosa aventura!


| Data | Adxuntos |
|---|---|
| 01/09/2025 | 2025-2026-tríptico Pautas e información da Escola Infantil Barbadás PDF [8 MB] |