31/10/2022

A asociación Agallas dá visibilidade e “papeis” a cans abandonados para buscarlles familias adoptivas

Solidariedade en Barbadás

Asociación Agallas

Laura Iglesias Álvarez, de Loiro, e Karina Diéguez Aparicio, da Valenzá, son parte da directiva da Asociación Agallas, que recolle cans e cadelas na canceira de Xinzo de Limia para darlles “papeis”, visibilidade e nunha familia humana adoptiva.

  • A asociación naceu en 2019 con varios cans pendentes de acollida, entre eles un chamado Agallas, que pasou a selo nome do colectivo e do seu refuxio canino nunha finca do Cumial, en San Cibrao das Viñas.
    “Viamos que os cans máis maiores podían pasar anos na canceira sen que ninguén os adopte  así que atendiámolos aparte, en principio, na residencia canina Aira Vella de Allariz, unha das fundadoras de Agallas”, lembra Laura.
    “Ocupámonos dos cans que son invisibles para a xente , como ocorre ás veces coas persoas de máis idade, porque necesitan coidados diferentes, ou porque están enfermos,ou porque teñen xa idade de avós”, concreta Karina.

 

  • Membros da asociación (normalmente Alberto),  visitan cada semana a canceira de Xinzo de Limia, coa que teñen convenio, fotografían os animais que entraron durante a semana e, ao cabo de 10 días, publican nas súas redes sociais os que teñen máis necesidade e posibilidades de ter unha familia adoptiva humana.

 

  • Agallas encárgase de facerlle ficha veterinaria e seguimento a todos en Quironvet  e Abros . Até un máximo de 10 están no seu refuxio do Cumial, os que xa precisan residencia indefinida están en Allariz (na residencia canina de Aira Vella), e para os que teñen petición de adopción fáiselles o trámite completo.
    “Os profesionais e colectivos locais cos que traballamos nos puxeron en contacto con outros que teñen as mesmas inquedanzas fóra de España e no ano 2021 as adopcións en Inglaterra, Alemaña, Francia, Suiza e Bélxica foron  75 en total ” detalla Karina. A esas engádense outras 49 adopcións  en Galicia e 25 máis no resto de España.

Asociación Agallas - Laura e Karina - Concello de Barbadás

Grazas a colaboracións e doazóns

  •   “En Europa, seica hai a idea de que en España abandónanse moitos cans e cadelas, e hai moita sensibilidade de axudar a que non queden sen familias, de feito, á canceira de Xinzo, e supoñemos que nas outras será igual, chegan aínda cans perdidos sen chip identificativo; outros abandonados recollidos polos axentes do Seprona, e sobre todo, algúns maltratados”, engade Laura.

 

  • O traballo en Agallas “require atención constante” según concordan Laura e Karina, que ademáis de desenvolver os seus traballos, atender á familia e coidar dos seus propios “peludos adoptados“, procuran colaboracións, poñen en marcha uns mercadiños “con pezas de artesanía que fan varias persoas colaboradoras tanto en tea, calceta ou impresora 3D”, sinala Laura.
    “Todo esto sería imposible se moitas persoas non colaboraran”, reflexiona Karina.  Hai familias implicadas, doazóns anónimas, aportacións de cómics, videoxogos, pezas de artesanía para a súa venda, e todo para poder sufragar os gastos da atención médica que precisan varios deles, o transporte internacional, o mantemento do refuxio do Cumial, o trámite de autorizacións para as viaxes de adopción fóra de España (disto encárganse  en Garatuxa, de Lugo, etc.

 

  • Por exemplo, algúns animais disparan o gasto veterinario pois requiren tratamentos especiais ou cirurxía complexa para a que contan con Imavet, de Santiago de Compostela.

 

  • Laura adoptou, entre outros cans e cadelas, a Ona,  despois de que pasara 5 anos na canceira.
    Naceu na canceira cos seus irmáns e nunca saíra dela, non sabía o que era nada fóra daquela instalación así que foi unha adopción complexa. Non se deixaba tocar nin agarimar pero defendía aos seus irmáns e, despois de pasar polo noso refuxio, e dándolle tempo, fixo banda arredor súa. Os seus irmáns tamén foron adoptados en Asturias e Ourense e hoxe,  chamámoslle Santa Ona, porque acepta a calquera animal ao seu carón”, relata Laura.

 

  • Pola súa banda, Karina adoptou hai 7 anos a Hospi, a través de Proanimais de Verín. “Tiña leishmaniasis con afectación en toda a súa pel. Estivera de hospital en hospital e moito tempo nunha clínica de acollida. Adaptouse enseguida á mina familia e hoxe ten 12 anos”.

 

  • Na lista de “avós”, sempre dispostos a ser adoptados, lembran a Clío. “Tivemos que recollelo varias veces porque fuxe do refuxio para volver cara Maceda”.

Laura e Karina - Asociación Agallas - Concello de Barbadás

Socios e socias, doantes puntuais e voluntarias

  • Karina destaca da labor da asociación que vai partillada entre as persoas do equipo “que é pequeno pero moi traballador”. Así, a maiores das dúas mozas de Barbadás, na xunta directiva están Alberto Rodríguez Plasencia, Alejandro Meno Fernández, Elena Gómez Pérez, Sheila González González, Montserrat Malvar Rodríguez  e María del Carmen Godoy Rodríguez.

 

  • Un grupo de 34 socios e socias participan con unha cota anual de 20€ que poden pagar dunha vez ou semestralmente. Hai doazóns puntuais “cando xurde a necesidade dunha intervención cirúrxica urxente e vital, que xa ten ocorrido”, subliña Karina.

 

  • E a maiores  conta cun grupiño de persoas voluntarias que axudan coas quendas no refuxio e, dende varios lugares de España, aportan “cachivaches” e complementos para vender nos mercadiños. Agora prevén instalalo no Nadal. Buscan un lugar acaído para facelo.

 

  • Se queres botar unha man dalgún xeito, mesmo dando casa a un destes cans e cadelas, ponte en contacto coa asociación. Teñen redes sociais (facebook, Instagram) e a plataforma “teaming”  para recadar fondos.

 

Laura e Karina - Asociación Agallas - Concello de Barbadás

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1714017835

SINGLE.1714017835