18/11/2022
A asociación Porta da Cadea publica 25 anos de historia musical de Sobrado do Bispo e aldeas da contorna
Emprendemento en Barbadás
A presencia e historia da música, dos músicos e das músicas de Barbadás, non é unha lenda urbana: a actividade actual de bandas, gaiteiros e gaiteiras, grupos de pandeireiteiras , de canto, músicos e músicas que sacan o mellor de cada instrumento, e xa tamén charangas, son proba delo.
- Nestes días temos “outra vaca no millo” e sae a luz o libro De bandas e xingros. 25 anos de historia da banda de música de Sobrado do Bispo. 1911-1936, editado pola asociación cultural de Sobrado do Bispo Porta da Cadea .
- Juan Carlos Arias, vicepresidente deste colectivo cultural, explicounos que a publicación xurdiu pola información reunida entre veciños, fillos de músicos históricos, testemuñas orais directas e outras aportadas por veciños e veciñas ou atopadas en internet e nos arquivos do xornal local La Región.
- A historia musical de Sobrado do Bispo chegou a contar don 2 ou 3 bandas de música activas a a un tempo, segundo puido sabelo autor, Juan Carlos. A primeira parte do libro está adicado precisamente a esas bandas. “Varios autores de investigacións arredor desta actividade musical situaron as primeiras bandas cara o 1915, pero parece que xa tocaban antes, dende 1911, baixo a dirección dun tal Pegerto ou Perfecto, e hai constancia dunha actuación no san Xoán dese ano”.
- Tamén deu coa orixe da banda, que segundo “varias testemuñas orais, puido saír da creba da que había en Moreiras (Toén), na que había músicos de Sobrado que parece que se fartaron de ir até alá a pé e decidiron formar banda propia”. A partires de 1914 aparecen tamén referencias a “voces de Sobrado dirixidas por Manuel Rego, e que son devanceiros do actual grupo Voces e Cordas , que hoxe dirixe Epifanio Nóvoa Valencia .
- En Sobrado, e no resto das aldeas, a banda ensaiaba onde podía, normalmente na casa do que era director en cada momento. En Bentraces, os ensaios eran naquela época, no forno do Carril e na Rexidora, no caso de Sobrado, na casa do Ruque, na praza de San Xoán onde estaban o bar de Camilo e a tenda da Celsa, “aínda que o punto de referencia alí é a asociación de veciños” detalla.
Alomenos dúas bandas en Sobrado
- Na aldea de Sobrado houbo máis de 50 músicos, e partillábanse en dúas bandas, unha delas dirixida polo “Ruque” ( Adolfo Valdés) e outra polo “Cancio”. No período estudado por Juan Carlos, entre 1911 e 1936, a última actuación da que hai novas foi o 11 de xuño do ano en que comezou a Guerra Civil.
- Os músicos das bandas traballaban onde podían, a metade deles nalgún dos circos activos como o valenciano Hervás, o ourensán Feijóo e o circo Monumental. “Así algúns deles quedaban contratados nas cidades polas que pasaba o circo, como un dos fillo do Ruque, que quedou en Avilés. Outros marcharon “a facela mili” e xa quedaban na banda militar “como ocorreu con outro fillo do Ruque, que era subtenente militar”, detalla Juan Carlos.
- Os anos 20 e 30 foron de esplendor para a banda, e gañou certames tanto en Ourense como en Santiago de Compostela o que lle deu “certa fama”. Tódolos seus integrantes “eran labregos e eran etiquetados como os malvestidos, pois para as actuacións simplemente procuraban actuar con roupa semellante , e ás veces compartían traxe entre os músicos das dúas bandas”, engade.
- Unha parte deles marchaban o venres para pórlle música a bailes de noite e sesión vermú toda a fin de semana, e outros quedaban en Sobrado para os bailes na praza do San Xoán e nalgúns bares da aldea. “O palco só se ocupaba cos músicos nos bailes dos domingos”, relata Juan Carlos. Precisamente ese palco está na portada do libro, pintado por Conchi Carbajo .
Gaiteira Aurea e gaiteiro Luis Padrón
- Na segunda parte do libro podemos coñecer até 115 músicos por orde alfabética e con referencias ós de outras zonas da provincia, que cadraron nalgún momento cos de Barbadás, entre eles os máis coñecidos da época como “Os trinta de Trives”ou “Os 40 de Castro Caldelas” ou a que podería ser a primeira muller gaiteira de Galicia, que formaba parte do grupo “As Marabillas”.
- Neste apartado o período histórico amplíase e até hai músicos contemporáneos, como Mónica Atrio González, Tania Blanco Arias, Cristina Blanco Cid, Erea Carbajales, Rosa María “Marita” Carballo García, Rafael Yebra Rivera ou o propio Ruque e os seus fillos…
- Tamén coñeceremos músicos de Moreiras e o único gaiteiro presente neste libro: Luis Padrón Sotelo, nacido en Santa Uxía (a santa Ouxea medieval) en Piñor, fundador e músico que deu pulo a varios grupos e algunha escola. Lembrado hoxe cun busto no campo de Reza (paseo das ninfa), cunha rúa na súa aldea natal e co seu nome nun aula do IES Blanco Amor.
- A asociación Porta da Cadea comeza así a que queren sexa unha serie arredor da historia musical de Sobrado, que terá continuidade.
Presentación no “Fildaguiño”
- O libro De bandas e xingros. 25 anos de historia da banda de música de Sobrado do Bispo 1911-1936 lembra tamén no seu título, á lingua dos músicos (o barallete) coa tradución da palabra “músicos” a esa lingua dos artistas e artesáns ambulantes.
- Vai ser presentado o vindeiro domingo 20 de novembro no parque do Fidalguiño, en Sobrado do Bispo, con actuacións musicais de “Voces e Cordas”, “Vagalumes”, unha banda recomposta e efémera dos veciños e veciñas e co histórico José Caeiro Sueiro, que ten 81 anos e foi parte da Banda Municipal de Ourense e que asegura que neste día terá a súa derradeira actuación en vivo.