04/07/2024
A brigada de prevención e extinción de incendios de Barbadás realizará a roza dun total de 9,5 hectáreas de camiños públicos
A seguridade dos veciños e veciñas ante o lume é unha prioridade para o Concello de Barbadás. Durante o día de hoxe comezan a levarse a cabo os traballos da brigada de prevención e extinción de incendios, formada por un capataz, tres peóns, un peón condutor e dous condutores motobomba.
A función principal deste equipo é a prevención, polo que se levará a cabo a roza manual nos camiños públicos que se detallan nun plan de actuación que foi previamente elaborado polo Concello de Barbadás.
Co fin de intensificar os traballos para evitar o lume, este ano como novidade realizarán a inspección do cumprimento da lei de prevención de incendios en parcelas das faixas secundarias, ao redor dos núcleos de poboación. O traballo da brigada prolongarase durante un período de tres meses.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, a tenente de alcalde, Victoria Morenza, e o concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, deron a benvida aos membros da brigada no primeiro día de traballo. Tal e como explicou Rey, “o Concello de Barbadás aposta por crear estas brigadas de prevención e extinción de incendios para dotar de maior seguridade aos veciños e veciñas”.
Os profesionais deste equipo coordinados co distrito 12 de incendios que marca as quendas de traballo e así se coordinan con outras brigadas de outros concellos e da Xunta para que haxa sempre efectivos do servizo de extinción a disposición da poboación.