28/03/2025
A Casa da Cultura de Barbadás acolle unha exposición didáctica sobre o mundo dos insectos

- A mostra, promovida por Ecoloxistas en Acción en colaboración coa Concellería de Cultura, pódese visitar ata o 11 de abril
- O obxectivo é dar a coñecer a importante función destes animais no noso ecosistema
A Casa da Cultura Manuel María de Barbadás acolle desde esta semana a exposición didáctica “Sen insectos non hai vida”, promovida por Ecoloxistas en Acción Ourense en colaboración coa Concellería de Cultura. A mostra poderase visitar ata o 11 de abril na sala de exposicións do edificio municipal.
O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer entre maiores e pequenos o papel que xogan os insectos nas nosas vidas e no noso ecosistema. Nesa liña, os 11 paneles que conforman a exposición recollen información sobre a función destes animais na polinización, no ciclo de nutrientes ou nas cadeas alimenticias das aves e outros insectívoros.
Desde a área de Cultura, a concelleira Ana Peleteiro convida a toda a poboación de Barbadás a visitar a mostra e comprender así “a gran importancia ecolóxica” destes seres vivos.