26/02/2026
A Casa da Cultura inaugura a exposición “Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote”

O Concello de Barbadás, ABANCA e Afundación inauguraron esta mañá a exposición “Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote” na Casa da Cultura. O acto contou coa presenza de Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás; Daniel Rey, tenente de alcalde; José Manuel Morgade, concelleiro de Cultura; Mateo Alonso, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; Miguel Madriñán, director da oficina de ABANCA na Valenzá, e a coordinadora de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano.
A mostra, organizada en colaboración coa Fundación Antonio Mingote, percorre a historia da arte a través da mirada do coñecido debuxante. Poderase visitar ata o 27 de marzo en horario de 8,30 a 14,30 horas e de 16,00 a 20,00 horas.
Antonio Mingote comezou a súa traxectoria con tan só 13 anos, cando publicou o seu primeiro debuxo en Gente Menuda. Foi colaborador en La Codorniz e, posteriormente incorporouse ao diario ABC. Tamén colaborou en numerosos medios escritos como The New York Times, The Daily Telegraph, Blanco y Negro, Semana, Ínsula ou Interviú.