02/10/2025

A Casa da Mocidade de Barbadás amplía o seu horario e abrirá os sábados pola tarde

Casa da Mocidade
  • “O espazo ten moita demanda os venres de inverno pola tarde, polo que decidimos abrir as súas portas tamén os sábados”, explica a concelleira de Deportes e Mocidade, Noemí Pintos

O Concello de Barbadás amplía o horario de outono e inverno da Casa da Mocidade da Valenzá, que a partir de agora tamén abrirá as súas portas os sábados pola tarde. O espazo dispón dunha ampla variedade de xogos de mesa, ademais de ordenadores, revistas e xornais, polo que moitos son os rapaces e rapazas do municipio que se achegan para desfrutar do seu tempo libre. 

A partir desta mesma semana e durante os meses de outono e inverno, o horario de apertura será de 16,30 a 20,30 horas de martes a sábado. Polas mañás, de 8,30 a 14,30 horas, as instalacións estarán abertas para realizar trámites administrativos.

A elevada participación da xuventude motivou a decisión da área de Mocidade, tal e como explica a concelleira Noemí Pintos: “O espazo ten moita demanda os venres de inverno pola tarde, polo que decidimos abrir as súas portas tamén os sábados”. Pintos pon en valor o esforzo do Concello por dar resposta ás necesidades da poboación máis nova: “Coa chegada do frío e da chuvia, os mozos e mozas precisan dun lugar como a Casa da Mocidade, un espazo público e gratuíto onde desfrutar do seu tempo libre”. 

Mocidade, Novas

CONTENT.1770879088

SINGLE.1770879088