17/02/2023

A Casa da Mocidade de Barbadás quere ideas da xente nova para ser referente en Galiza

Servizos en Barbadás

O concelleiero de Xuventude Abel Cortés Pérez, a Xefa do Servicio de Mocidade Elena Álvarez Fernández (der.) e a monitora e dinamizadora María José González Gómez (esq.)

A pandemia cruzouse no proxecto  municipal de abrir en Barbadás un espazo para a xente nova. O concelleiro de Deporte e Xuventude Abel Cortés Pérez naceu e criouse na Valenzá e tiña claro que era necesario un espazo “que fora útil para a xente moza, no que gozar xuntos do tempo libre, cada día”, explica.

  • A Casa da Mocidade abriu o 27 de decembro de 2020, en plena pandemia, e xa é “un espazo no que se pode estar, no que mozas e mozos poden divertirse e tamén amosar o seu talento, aprender, compartir ideas e desenvolverse a cotío nos eidos deportivo, cultural, de aprendizaxe e de lecer”, engade o edil, Abel Cortés.

 

  • En decembro foi o segundo aniversario da apertura e grazas a evolución pospandémica e á boa acollida, completou o seu horario abrindo polas tardes.
    “A principal idea para desenvolver este espazo agora é escoitar as demandas das persoas que o gozan,  con criterio de coherencia e racionalidade; facer o que eles piden plantexándolles de volta propostas de entretemento e diversión mentres aprenden”, detalla Cortés.

 

  • A técnica de Xuventude e xefa do servizo, Elena Álvarez Fernández, está na Casa da Mocidade, na rúa dos Diestros da Valenzá, polas mañás. Quere que o espazo aberto para persoas de 12 a 30 anos, troque en “referente para toda Galicia, agora que xa temos horario completo e podemos ofrecer espazos e material para diferentes tipos de actividades”.

 

  • Elena é traballadora da área municipal de Xuventude dende o ano 2001.  Naquel momento compartía oficina cos traballadores de Cultura, na Casa de Cultura. “Alí estaba nun pequeno espazo que ía ser cafetería pero trocou en aula de ordenadores. Despois, dende o 2005, estiven no Espazo Infantil creado na Solaina para a infancia de 3 a 6 anos e para  a de 7 a 12”,  lembra.

 

  • A poboación de Barbadás segue a medrar, así que pensouse nun novo espazo para os maiores de 12 anos na Casa da Mocidade, mentres que o do parque da Solaina,  detalla Elena, quedou para actividades dos máis pequenos.

 

  • Ela é Traballadora Social especializada en materia de xuventude con formación continua nese eido. “É un traballo moi gratificante porque encárgome de organizar actividades lúdicas e educativas. Eu vivo isto como unha ocupación vocacional totalmente e …quédanos moito por facer”, engade.

OMIX, Xogos de mesa, virtuais e sala de ordenadores

  • A situación sanitaria dificultou o funcionamento da nova Casa da Mocidade dende a súa apertura “aínda así fomos facendo cousas tendo en conta toda a normativa sanitaria, e agora por fin poderemos emprender todo o que tiñamos pensado”, aclara.

 

  • Destaca a gran acollida que tiveron as instalación por parte de todos: “Polas tardes veñen unha media de 50-60 e en aumento, o futbolín, o billar, a gran pantalla para xogos virtuais e a unha mesa enorme son os que contan con máis xogadores continuamente”, destaca.

 

  • Na entrada, a imaxe do rapeiro Tupac Shakur recibe a toda persoa que traspasa a porta, e na primeira sala a decoración conta cos grafittis do evento “Barbadás, ten rima”   do pasado verán, arredor dun futbolín, moi demandado.

Casa da Mocidade - Concello de Barbadás

  • A gran mesa colocada a carón do billar ten múltiples usos. Elena destaca que é “un espectáculo divertido” ver os grupos que se xuntan nela para xogar o bingo, que escenifican como se fora profesional arredor de plantillas baixadas de internet.

 

  • Por rampla ou escaleira, accédese a outra sala aberta, con ordenadores, tamén de uso libre. Polas tardes, calquera que se pase, verá alí á monitora e dinamizadora é María José González Gómez, última en chegar até agora, ao equipo da Casa da Mocidade.
    “Polas tardes atópome con algúns mozos e mozas que coñezo dende pequenos porque traballei de conserxe nos dous colexios do concello”, detalla.

 

  • Tamén foi monitora e coordinadora da Escola Infantil Municipal.  Hai 17 anos que o seu traballo se desenvolve preto de pequenos e adolescentes e agora, segue en contacto diario con eles.

 

  • Polas mañás, de luns a venres, hai atención da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX).
    E cada tarde, de martes a sábado, pódese pasar o tempo de lecer en calquera das opcións que están a disposición nos diferentes espazos lúdicos.
Casa da Mocidade de Barbadás. 03/02/2023 foto Rosa Veiga

Atención a todo o que vén!

  • A programación para o Entroido está en marcha e publicitada nas redes sociais do concello de Barbadás, e na casa da Mocidade, organizan algunhas das actividades:
    • Sábado de Entroido, 18 de febreiro, un “Scape-room” con tema de Entroido. Entrada de balde e con reserva previa para asignar hora entre as 11,00 e as 19,30 h. Podes anotarte individualmente ou en grupo con un máximo de 8 persoas.
    • Luns de Entroido, 20 de febreiro “Party teenager” na zona da rotonda da Valenzá con DJ Melo e Disco Móbil Gramola. Toda persoa que vaia con disfrace terá unha consumición sen alcol de balde.
      Antes, pola tarde, obradoiro para maquillarse na Casa da Mocidade, se queres prepararte alí para ir a festa da rotonda.

 

  • Dende o día 16 de febreiro a toda persoa que reciba na casa o Carné Xove nada máis cumprir os 12 anos, poderá activalo na Casa da Mocidade   que xa está na rede de centros autorizados.

 

  • Compre dicir que, a Casa de Mocidade “está totalmente aberta ás propostas que fagan mozos de mozas de Barbadás para actividades de todo tipo, con acceso libre e de balde”, engade Elena.

 

  • Pois xa sabes,  se tes entre 12 e 30 anos, non  te quedes coas gañas de facer cousas e propón actividades enviando un e-correo a xuventude@barbadas.es

Casa da Mocidade - Concello de Barba´das

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1695866444

SINGLE.1695866444