19/08/2022
A casa vacacional “Patarino” de Bentraces reúne historias da aldea e da artesanía familiar
Emprendemento en Barbadás
Manuel Outeiriño decidiuse a reformar e abrir a casa familiar como casa rural vacacional xusto antes do confinamento obrigado pola pandemia da COVID. A casa conserva elementos da súa historia pasada, artesanía dos seus irmáns Concha e Antonio e pinturas do propio Manuel.
- “Na casa naceu o noso pai e dous irmáns e foi restaurada polo meu irmán Antonio, finado hai uns anos”, relata. Manuel pasaba na casa de Bentraces os veráns con seus pais e cos seus propios fillos e acabou por herdala da súa nai.
- Non tiña interese ningún nin pensara en abrila para outras persoas “pero o resto da familia tiña claro que podería funcionar como casa romántica porque conservamos nela antigüidades, e tamén obras de arte e artesanía dos irmáns”, detalla.
- Tras pasar un ano de limpeza e reforma, xuntou alí á familia e contáronlle como funcionaba unha plataforma virtual de alugueres vacacionais. “Nesa fin de semana comecei a promocionala e xa tiven inquilinos”, explica Manuel.
Historia do nome “Patarino” e da casa
- Manuel foi o derradeiro propietario do Café Bohemio, no casco vello de Ourense, e agora traballa como técnico de bolsos nunha empresa de confección. A súa irmá Concha é tecedora profesional e profesora na escola do centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, polo que na súa familia viviron entre obras de arte propias e alleas, traballos de artesanía…
- O seu novo proxecto é a casa “Patarino” que leva ese nome porque é o alcume familiar, posto polos veciños a Narciso,o pai de Manuel e Concha “cando viron que de pequeno dicía patarino no lugar de paxariño, e curiosamente o alcume pasou de noso pai ao noso avó e xa quedou para a familia”, relata.
- Concha relata que a súa nai era Elisa “Fachuqueira” e ela herdou ese alcume, pero finalmente o “Patarino” acabou impoñéndose para homes e mulleres da familia.
- Manuel lembra parte da historia da casa vacacional (resultante de xuntar dúas) na que a planta superior acolleu o primeiro taller de tear da familia, co nome de Antonio Outeiriño (A. Outeiriño, nome que mantén a súa irmá Concha).
“Alí Antonio facía tapices, colchas, mantelerías, alfombras e tamén facía algo de cerámica e restauración de mobles, no mesmo espazo”, contan Manuel.
- Concha amosa pezas daquel taller partilladas na decoración da casa, e tamén das feitas por ela mesma. Tamén explica que na reforma, aproveitouse unha pequena fiestra que comunicaba as dúas casas para trocala en despensa.
“Esta fiestra está aínda en moitas casas de Bentraces, por ela os veciños e veciñas estraperlistas pasábanse o café, azucre, chocolate, fariña… e o que conqueriran en Portugal, para que as autoridades non os atoparan nas redadas que facían nos anos 30 e 40 do século pasado”, destaca Concha.
Contorna atractiva dende Bentraces
- No tempo que a casa Patarino leva con actividade, Manuel destaca que os visitantes proceden de países europeos, algúns son persoas invitadas aos eventos que se celebran no Pazo de Bentraces, a poucos metros, e a maioría “chega buscando a zona termal e Ribeira Sacra , e quédanse máis tempo.”
- Tamén chegan á casa “mochileiros” con gañas de descanso, e persoas deportistas ás que recomenda roteiros que el mesmo fai ca súa bici, como o de San Roque, ou de sendeirismo como o da Boutureira con saída dende Bentraces, ou o percorrido a traveso de carballeiras dende a aldea até Loiro.