19/05/2025
A Castro Trail de Barbadás chega á súa décima edición con 400 corredores

- A carreira é este ano Campionato Xunta de Galicia por equipos da Federación Galega de Atletismo, tanto na proba raíña (28 kilómetros) como na pequena (9 kilómetros)
- David Losada, o organizador, anima á poboación a participar para gozar dunha xornada de deporte e natureza nas “paisaxes máxicas” de Barbadás
O Concello de Barbadás impulsa a décima edición da Castro Trail, unha das citas galegas máis esperadas desta disciplina deportiva. A proba levarase a cabo este domingo, día 25. Este ano, a carreira é Campionato Xunta de Galicia por equipos da Federación Galega de Atletismo, un novo aliciente para os participantes. “Temos a previsión de contar con preto de 400 inscritos”, explica David Losada, o organizador da proba. A concelleira de Deportes, Noemí Pintos, destaca o importante papel desta carreira no deporte galego, así como na posta en valor do concello.
A Castro Trail conta con tres categorías: percorrido longo (28 kilómetros), medio (14 kilómetros), e pequeno (9 kilómetros). “A proba raíña, a máis longa, está no campionato, e tamén a pequena, que é campionato promoción para as categorías inferiores”, detalla Losada. Ademais, a cita deportiva tamén inclúe unha andaina de 14 kilómetros.
Os horarios varían, según a proba: o trial longo arranca ás 09,00 horas; o medio ás 10,00 horas; o curto ás 09,45 horas, e a andaina ás 10,00 horas.
Paisaxe única
A proba percorre paisaxes únicas de Barbadás como as carballeiras de Santa Uxía e San Benito, sendeiros tradicionais ou miradoiros. “Hai vistas impresionantes á cidade de Ourense, a Barbadás e á provincia en xeral. Son lugares máxicos que non se coñecen”, asegura.
Na Castro Trail participan os mellores corredores e corredoras de Galicia, tanto en equipos como individual, pero tamén poboación que quere gozar dunha xornada de deporte e natureza: “Animamos a todo o mundo a participar e aproveitar esta oportunidade de coñecer Barbadás”. Despois da proba, haberá petiscos, froita, bebidas e xeados, ademais de ambientación musical.
David Losada pon en valor a colaboración das institucións e empresas implicadas, así como do Concello de Barbadás e de Protección Civil e Policía Local de Barbadás.
O prazo de inscrición remata mañá martes para o campionato de clubes, e o xoves para a participación individual. Para anotarse é preciso facelo a través do enlace https://www.carreirasgalegas.com/events/x-castro-trail-xtrem-2025-cto-xunta-de-galicia-tr-clubs/wBlpo3jQ