22/10/2022
A charanga BBB, única de Barbadás, foi a primeira en organizar en Galicia un festival de charangas
Emprendemento en Barbadás
Miguel Gómez Barja, Aldara Atanes Román e Alejandro López Fernández son amigos e residentes na Valenzá, aparte de compañeiros na Escola Municipal de Música de Barbadás dende a infancia… vamos que levan anos tocando xuntos, cada un seu instrumento: Miguel é o do saxofón, Aldara toca o trompa e Alejandro ten a trompeta na man.
- A historia musical dos tres comezou por separado en diferentes momentos das súas vidas e acabaron por cadrar na escola musical cando tiñan entre 7 e 11 anos. Alí formouse unha “Banda cultural de Barbadás” e o profesor e clarinetista Celso Nieto animounos a preparar unhas partituras para o Entroido cos instrumentos propios das charangas: bombo, clarinete, saxofón, trompeta, trombón e percusión.
“Éramos 13 e tocamos no desfile dese ano e xa para o seguinte verán Xavi Teixeira animounos a dar o seguinte paso e comezar a facer bolos”, explica Miguel.
- Alejandro lembra que aquel foi o momento de buscarlle un nome á banda musical. “Pensamos en Solfamidas, pero estaba collido e rematamos co nome Charanga BBB, as B non eran nada concreto para nós aínda que cadaquén lle busca o seu sentido, e puxémosllo porque en Galicia lévanse os nomes con tres letras”, engade.
Músic@s de Barbadás, e máis
- Dende aquel comezo, segue Aldara, cambiaron o repertorio “típico de charanga” por temas máis variados con arranxos de Alejandro, e con ensaios organizados por Miguel e Juan Domínguez (este último xa non está no grupo).
- No ano 2019 tiveron moita “actividade” con 15 ou 20 “bolos” durante o verán, “sobre todo pola provincia de Ourense”, lembra Alejandro, e incluso en Lubián (Zamora) onde tocaron o himno galego nunha misa, entre outros “temas”.
- Durante o confinamento ensaiaron e pensaron en avanzar máis. “Comezamos a facer temas propios, encargar versións e mercamos algún tema a arranxistas profesionais de Valencia”, relata Miguel.
“Fomos paso a paso e hoxe, a charanga xa é coñecida polo nome pero moitos veciños non saben que somos da Valenzá, e somos a única de todo Barbadás”, engade Aldara.
- Entre os 12-14 integrantes, hainos tamén de Rante (S. Cibrao das Viñas), Ribadavia, Tibiás (Ourense), O Carballiño… E entre as curiosidades, a trompa de Aldara, un instrumento pouco habitual nas charangas.
- O repertorio conta xa con máis de 50 temas cos que tentan adaptarse a calquera tipo de público, dende o que busca temas máis bailables (pasodobres), aos que prefiren música anos 80 (Alaska, la Pegatina, Fito y los Fitipaldis, Maniac…).
- Cada un deles ten os seus favoritos, así Miguel lembra “Mari Carmen” porque é moi animada ou “La mujer del pelotero” de Merenglass, mentres que Aldara sinala “Technomanía” porque ten “uns arranxos moi completos”, e Alejandro destaca “Mentirosa” de Ráfaga, tema arranxado por Miguel e no que Alejandro “sempre triunfa” porque é o solista da trompeta.
Festival para ampliar horizontes
- Miguel rememora o momento en que acordaron dar pulo e organizar o primeiro festival de charangas da Valenzá en 2021, e de Galiza naquel momento.
“Queríamos tocar máis e traer máis música e tras atopar a fórmula administrativa a través da Asociación Ritmos Musicais de Barbadás, fixemos un primeiro programa con 4 charangas no primeiro ano (2021), e de 6, de toda a provincia de Ourense, para este segundo que foi en dous días de setembro de 2022”.
- O da Valenzá, foi o primeiro festival de charangas convocado en Galicia, onde comeza a haber concursos e outro tipo de encontros, como a primeira edición de 2022 do concurso de Salceda de Caselas, onde estivo a BBB , ou o festival de Cora (A Estrada) tamén estreado neste 2022.
- Durante o resto do ano, eles tres e varios músicos máis da charanga BBB, son estudantes e forman parte de outras charangas con actividade semiprofesional (entre elas con “Fuego”).
- A charanga BBB tivo actuacións durante o verán e algúns “bolos” de outono, como o de fai uns días na ruta das bodegas de Punxeiros. Tamén comezan a verse preparados para ir ó festival-concurso nacional de charangas que leva 8 edicións en Burgos. “Temos gañas de participar” sinala Miguel.
- A III edición do Festival de Charangas da Valenzá será para 2023 e xa está plantexada dende o concello, segundo os músicos organizadores. Queda menos dun ano.