10/09/2024

A Corporación aproba dúas mocións para que Sogama manteña o canon e bonifique aos concellos comprometidos co medio ambiente

O aumento do canon que impón Sogama aos concellos preocupa, e moito, ao goberno local de Barbadás, que levou ao pleno ordinario que se celebrou esta tarde unha moción para que se manteña o canon actual de 66 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada. Tamén se reclama que se manteña a actual bonificación do 15%, xa que a súa supresión “afectaría aos concellos que levan dende o ano 2019 facendo os deberes cumprindo os compromisos medioambientais”.

Dende o goberno local denunciouse esta situación e esixiuse á Xunta que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada en plantas de proximidade e primando a redución e a reciclaxe fronte á incineración. Victoria Morenza, tenente alcalde, lamentou esta suba “que afoga aos concellos”. A edila explicou que o Concello de Barbadás ten un custo de recollida, transporte e tratamento de residuos de máis de 700.000 euros, que é o que custa Geseco e Sogama. Os ingresos recibidos son 400.000 euros, polo que o déficit ascende a 300.000 euros.

Tamén lembrou Morenza que o Concello aposta polo medio ambiente con iniciativas coma a implantación do contedor marrón nas zonas urbanas e a entrega de composteiros a familias do medio rural, accións que pretenden a redución do lixo xerado que vai xeralmente ao contedor verde. A moción prosperou cos votos a favor de todos os grupos agás o PP, que se abstivo.

 

Nesta mesma liña presentou o BNG outra moción, que prosperou cos votos a favor de todos os grupos, excepto o PP que votou en contra, e que rexeita a subida do canon de Sogama e reclama un novo modelo de xestión de residuos.

Na sesión plenaria tamén saíu adiante a participación do Concello na Área Funcional Ourense Sur e a Axenda Urbana, unha guía metodolóxica que propón un “menú á carta” de posibles accións para que todos os actores, públicos e privados que interveñen nas cidades, e especialmente as Administracións Locais, poidan elaborar os seus propios plans de acción e implementación de cara a un futuro sostible. Este punto aprobouse co voto a favor de todos os grupos políticos, a excepción dos concelleiros do BNG e a concelleira do Partido Popular María Grande.

 

Co voto a favor do grupo de goberno e o concelleiro do Partido Galego e a abstención  de PP e BNG aprobouse o suplemento de crédito por valor de 207.043 euros e formalizouse así o recoñecemento extraxudicial de crédito debatido e aprobado nun pleno extraordinario de 6 de agosto de 2024. Con este importe levarase a cabo o pago a diferentes provedores.

Festivos locais para o ano 2025

Co apoio de todos os grupos excepto a concelleira do Partido Popular María Grande, que se abstivo, establecéronse como festivos locais o martes de Entroido e o 11 de novembro, San Martiño.

Non prosperou, cos votos a favor do BNG e PP e en contra o grupo de goberno, o concelleiro do Partido Galego e a abstención da concelleira do PP, María Grande, a moción dos nacionalistas para a conxelación das taxas das Escolas Deportivas. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, anticipou que o vindeiro exercicio modificaranse os prezos e aumentaranse as bonificacións. “Os servizos deben ser sufragados polos ingresos, bonificar a persoas empadroadas non é legal e se queremos mellores servizos e monitores hai que sufragalos cos ingresos”, engadiu o rexedor. O Concello gasta ao ano 260.000 euros para o mantemento de escolas deportivas. Valcárcel tamén explicou que o que se realizou foi unha preinscrición e que se pode desistir dela, pero que non é unha matrícula.

Tampouco saíu adiante a moción do PP para modificar e bonificar os prezos públicos das Escolas Deportivas. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, afirmou que “non quixeramos subir as taxas, por iso nos resistimos durante 5 anos de crise económica, pero chega un momento no que non é posible”. Tamén recalcou que o custo da escola máis cara son 180 euros ao ano, 18 euros ao mes e anunciou que para o vindeiro ano haberá melloras nas bonificacións. Votaron a favor o BNG e o PP, abstívose a concelleira popular María Grande e votaron en contra o grupo de goberno e o edil de Partido Galego.

A moción do PP solicitando o cambio no regulamento orgánico municipal de voto telemático nos plenos extraordinarios saíu adiante co voto de todos os grupos políticos agás a concelleira do PP María Grande, que se abstivo.

Na sesión deuse conta da renuncia de Cristian Rodríguez, concelleiro de Deportes, e de María Grande.

 

 

Novas

12/10/2024

As obras de mellora do firme nas Rúa Alvaredo, Principal de Loiro e Lameiro do Mato chegan ó seu tramo final

12/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Culturais do Concello de Barbadás

2024-Banner-Subvención asociacións culturais - concello de Barbadás

Prazo de presentación, 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

11/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Veciñais do Concello de Barbadás

2024-Convocatoria de Subvención asociacións veciñais - 2024 - concello de Barbadás

Presentación de solicitudes: 20 días naturais, a contar desde o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

CONTENT.1728864538

SINGLE.1728864538