27/05/2024

A Corporación de Barbadás aproba o orzamento máis alto da súa historia cun incremento da inversión do 257%

O goberno de Barbadás aprobou no pleno extraordinario celebrado esta tarde o orzamento máis alto da súa historia. Foi co voto a favor do PSdeG e do concelleiro de Democracia Ourensana e abstención do PP, BNG e do concelleiro do Partido Galego. As contas, que ascenden a un total de 8.494.083 euros, contemplan un incremento da inversión do 257% e esta supera o millón de euros. Inclúense neste apartado as previsións para afrontar a execución de obras de infraestruturas novas, a adquisición de maquinaria, mobiliario, equipos informáticos e a reposición de infraestruturas existentes.

Tamén se establece no orzamento un aumento da partida de persoal para actualizar os soldos dos empregados municipais á Relación de Postos de Traballo (RPT). Os gastos de persoal experimentan un incremento de 342.421 euros na súa dotación con respecto ás contas do exercicio 2022 e este aumento corresponde a diferentes variables.

En primeiro lugar, a situación de prórroga orzamentaria durante o ano 2023 implica o recoñecemento do aumento nunha anualidade da cuantía que habería de reflectirse de xeito escalonado nos anos 2023 e 2024. Ademais, no exercicio 2024 prevense as subas salariais aprobadas polo Goberno de España e nas respectivas Leis de Orzamentos vixentes ao longo deste período.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, subliñou que hai dez anos que non se suben as taxas a pesar do incremento do IPC  e insistiu en que “este concello aposta polas familias prestando servizos de calidade”. Tamén lembrou que Barbadás conta cunha taxa de desemprego por debaixo das 300 persoas e que “incluso non podemos acceder a determinadas subvencións por ter unha taxa tan baixa”.

Tamén recalcou que “a metade da contía do sostemento de axuda no fogar é costeada polo Concello, unha competencia impropia” e que en relación ao Fondo de Cooperación local, “a aportación da Xunta de Galicia segue a ser a mesma dende hai 13 anos: 26.000 euros mensuais”.

Incorporouse un punto relativo a unha modificación da subvención á Agrupación Deportiva de Parada. Modificouse de 8.000 euros a 15.000euros co voto favor do PSdeG, o concelleiro de Democracia Ourensana, o concelleiro do Partido Galego e o concelleiro do PP Ramón Lloves. En contra o resto do grupo do PP e BNG.

Por unanimidade saíu adiante o segundo e último punto da orde do día relativo á modificación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Barbadás.

Novas

CONTENT.1719093088

SINGLE.1719093088