02/11/2026
A Cova do Savio gaña o concurso de pinchos do Merca e Degusta de Barbadás

- OrenExpress e Galue Grill&Bar completan o podio dos tres primeiros clasificados segundo os votos do público
- “A calidade dos pinchos foi moi alta, e así o demostra o gran éxito de participación da poboación”, resalta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel
O salón de plenos do Concello de Barbadás acolleu esta mañá o acto de entrega dos premios do concurso de pinchos do Merca e Degusta de Barbadás, o evento que congregou en outubro a centos de veciños, veciñas e visitantes nas rúas da Valenzá. A cita, que por primeira vez uniu hostalaría e comercio local, “foi un éxito de público”, en palabras do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. “Consideramos que esta proposta debe manterse, sempre con ánimo de mellora e escoitando as demandas e opinións de hostaleiros e comerciantes”, apuntou.
O primeiro premio do público recaeu na Cova do Savio, co seu pincho “Visan”. O seu xerente, Santiago Castro, agradeceu o galardón, que pon en valor a creatividade e calidade da súa cociña. Isabel María de Almeida, de OrenExpress, recibiu o segundo premio pola súa creación “Gofregoxo”. Pola súa parte, Carlos Galue, de Galue Grill&Bar, recolleu o terceiro premio polo pincho “Tumbarrancho”.
O alcalde resaltou o “gran traballo e esforzo” dos gañadores, así como do resto de hostaleiros participantes. “A calidade dos pinchos foi moi alta, e así o demostra o gran éxito de participación do público”, destacou. Nesa liña, insistiu no alto nivel da hostalaría de Barbadás, así como do comercio local. “Organizar este tipo de eventos permite visibilizar o ben que o están a facer os hostaleiros e comerciantes do noso concello”, engadiu.


