09/03/2023

A Escola Municipal de Música de Barbadás enche de solidariedade e música o Conservatorio de Ourense

Un ano máis, e xa van oito, a Escola Municipal de Música de Barbadás, coa colaboración do Concello,  amosa o seu lado máis amable coa celebración do Festival Solidario, este ano dedicado aos enfermos de lupus. A cita será este próximo sábado, 11 de marzo, ás 19:00 horas no Auditorio do Conservatorio de Ourense.

Esta mañá o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel;  e a concelleira de Educación, Cultura e Comercio, Marga Pérez; acompañados da presidenta da Asociación Galega de Lupus (ASGAL), Nuria Carballeda; o director escola de música Xoan Manuel Xil, e o vicedirector do Conservatorio Musica de Ourense, José Manuel Valugo, presentaron no Concello o Festival deste ano.

Valcárcel destacou na presentación que “Barbadás ven facendo dende fai anos un Paseo pola Saúde no que conta con estes colectivos que teñen menos visibilidade, en canto a patoloxías, e sinalou que o Festival é unha aposta máis para colaborar con eles”. Tamén subliñou que esta actividade é un xeito de “inculcar os valores da solidariedade entre o alumnado”.

Ademais, o alcalde agradeceu ao alumnado e ao profesorado da escola de música que participan no festival e “a súa boa disposición sempre a participar nas actividades do Concello”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Marga Pérez, explicou que o festival “faise sempre cun fin solidario e altruísta, ofrecendo un concerto para reunir fondos para algunha asociación que consideremos que precisa apoio e colaboración, neste caso a Asociación Galega de Lupus”.  “É unha actividade enmarcada no calendario escolar da Escola de Música Municipal de Barbadás”, engadiu.

Ademais, Marga Pérez agradeceu ao Conservatorio de Ourense “as facilidades que sempre nos brindan para levar a cabo este Festival, e ao Centro Comercial Ponte Vella de Ourense pola súa complicidade ao prestarnos a súa infraestrutura para poñer as entradas a disposición do público” e recordou que para os que non poidan asistir, existe unha fila cero para poder aportar e axudar á Asociación ASGAL.

A presidenta de ASGAL Nuria Carballeda agradeceu á Escola de Música e ao Concello que puxeran o foco na súa asociación para celebrar este festival: “É importante para nós que se nos dea visibilidade, porque canto máis se coñeza desta enfermidade, mellor para nós, porque axudará a que haxa máis investigación e saian novos tratamentos”.

Novas, , , ,

CONTENT.1733594698

SINGLE.1733594698