26/11/2020
A “Estrella” dos pementos de Barbadás
Emprendemento en Barbadás
- Nos barrios de A Cal, Fornos, Rosario e Regueiro levan alomenos 50 anos co cultivo, selección e transmisión de sementes e traballos dunha horta moi variada, propia de Barbadás.
- Os pais e os sogros de Estrella Freire eran “rianxeiros” como ela. A nai, Dolores de A Cal e o pai Jesús “o canario” de Fornos, deixáronlle un oficio e todo tipo de sementes. Con eles aprendeu a cultivar e vender pementos, remolachas, leitugas, tomates, cebolas brancas, ceboletas… E o seu pai xa aprendera ca súa nai e tías.
- “Comecei nas feiras con 18 anos, xusto despois de sacar o carné de conducir, porque me gustaba tratar cas persoas e ir vender”, segundo lembra.
- Despois comezou a axudar tamén nas tarefas do cultivo en invernadoiros e hai 20 anos que se encarga ela de todo, agora ca axuda dun dos seus fillos. Fixo cambios como automatizar o sistema de rego, introducilo cultivo da cebola vermella e diversificar a produción de pementos.
- “En toda esta zona se cultivaron sempre os pementos propios de Barbadás, e así os coñecen en tódalas feiras, porque son máis doces e teñen a pel máis fina que as outras variedades habituais”, detalla. Son o produto que máis vende en Monforte, Escairón, Sober… e cada ano selecciona as mellores sementes para manter ese sabor e aspecto diferentes que fan que a súa planta sexa máis solicitada da horta, xunto coa cebola branca, tamén de herdanza familiar.
A horta da traballo todo o ano
- As plantas de cebola branca que vende Estrella, dan colleita até abril, fronte a outros tipos de cebola máis habitual que só se poden coller até decembro. Esa longa capacidade de producción e o sabor doce son as chaves so seu éxito.
- As parcelas que adica ás plantas de horta están a carón da casa na que naceu, e na que ten espazos sen luz nin humidade especiais para as sementes, e outros con mesas para facer salsa de tomate, e marmeladas con claudias, laranxas e peras, no outono.
- Na súa continua adaptación ao mercado de “rianxo”, leva tres anos sen utilizar insecticidas convencionais e loita contra as pragas con “terra de diatomeas”, inofensiva para persoas e mamíferos. A pandemia deulle pulo para tentar a venta por internet, pero o transporte das plantiñas resultou ser complicado polo seu pequeno tamaño e fraxilidade…
- No outono e inverno volta a calma. Rianxeiros e rianxeiras de Barbadás preparan as terras e os primeiros plantóns de ceboleta. Dende os seus invernadoiros e regos, sairán plantas de horta para moitas feiras de toda Galicia.