17/01/2022
A familia do escultor Antón Faílde procura en Godexás a casa na que puido vivir ao cuidado da rianxeira “Rosiña”
Sociedade en Barbadás
- En terra de rochas e canteiras, como é San Lourenzo de Piñor e a súa contorna, é lóxico que esa materia prima dea para vidas e obras arredor dela, como a do escultor Antón Faílde, recoñecido como artista polo seu xeito de traballala. E na procura súa, demos coa súa familia ben preto, en Ourense, na marmolería Faílde.
- A súa filla política, 6 netos, varios bisnetos e un tataraneto do escultor andan preto e formaron parte da súa vida en Ourense. El nacera en 1907 e faleceu en 1979, e a familia sabía que fora criado por unha muller de Godexás (no concello de Barbadás) pero non sabían do lugar.
- Teresa Garrido (filla política do escultor) e a súa filla Laura Faílde acordaron no pasado Nadal, tentar localizar a casa na que o seu sogro/ avó pasou parte da súa infancia, da que apenas tiñan datos.
- Hai tres semanas os fillos de Teresa e Miguel Angel Faílde, fillo do escultor Antón (falecido en 2019) foron ata a aldea de Godexás, acompañados por Manuel “o Riós”, canteiro de Parada que foi aprendiz de Faílde.
- Manuel falou con veciños da aldea e deu con dúas casas que poderían ter sido o fogar infantil do escultor, lindantes entre si e situadas fronte a unha fonte cuberta por un gran arco de pedra con vistas cara a cidade de Ourense.
- Unha das vivendas (a situada á dereita nas fotografías) é propiedade de María, a panadeira de Piñor, que nos confirmou que a que foi nai do escultor dende os 2 anos, vivou nunha delas, tal como lle contaba a ela a súa avoa, sen lembrar en cal.
Historia familiar
- Antón Faílde tivo dous fillos que el mesmo criou cando a súa esposa se separou del. O maior deles faleceu aos 11 anos e o pequeño, Miguel Ángel Faílde, casou con Teresa Garrido.
- Ela é agora a testemuña máis directa na familia para lembralos detalles da vida do escultor e do seu fillo. Narra que o pai de Antón era ebanista de carruaxes de cabalos, e morreu dun disparo cando a súa nai estaba preñada. O bautizo deste fillo celebrouse na Igrexa da Trinidade de Ourense e cando pasaran 2 anos, a nai marchou cara América “y dejó al pequeño Antón en casa de Rosiña de Godexás, que ya era ama de cría de una niña apellidada Abeijón”.
- Luis Trabazo no seu libro “Piedra, barro y bronce en tres escultores gallegos frente a la estética de lo deleznable” detalla que o neno Faílde foi deixado ao coidado de “la Rosiña de Godexás, una mujer muy buena de unos 60 años de edad de la que Faílde guarda un recuerdo imborrable y un afecto que no se ha extinguido con el paso del tiempo”, segundo recolle no seu libro de 1978.
- “Hubo un momento, dos o tres años después, en que los abuelos quisieron llevarse al niño con ellos y entonces Failde tuvo que dejar la casa en Godexás e irse a vivir con ellos a Piñor, pero como estaban cerca, la propia Rosiña iba a menudo a ver a su Toniño y otras veces era Faílde quien hacía una escapadita para ver a la Rosiña”, tamén detalla Trabazo no seu libro e corrobora a memoria de Teresa.
- Rosa era rianxeira e ía vendelos produtos da horta ao mercado de Ourense, que naquel intre estaba na prazas da Magdalena e do Trigo, e voltaba a casa con doces e chucharías para Antón.
O avó escultor
- Os netos de Faílde José María, Antonio e Miguel Ángel, lembran que Antón era un avó “muy familiar y con predilección por los niños, seguramente eso le inspiraba para sus maternidades y figuras de niños”, detalla José María.
- Traballou en talleres que foron cambiando de local na cidade de Ourense, e os netos lembran velo “siempre trabajando mientras estábamos con él y jugábamos con el barro” . Fernando lembra que lles falaba “mientras dibujaba en servilletas” e púñalles tarefas como debuxar árbores.
- Gustáballe levalos polo monte e lembran ir por un bosque en Gustei ou á casa que tiña para pasalos veraos en Bamio de Cima (Coles), e sempre lles contaba historias. “Murió de forma inesperada en su casa de la Rúa dos Fornos nº 11 y mi padre vino a avisarnos”, lembra José María. Despois viron que deixara moita obra feita da que non sabían os seus seguidores.
- Tamén souberon da relación do seu avó ca Xeración Nós: lembran a Eduardo Blanco Amor o día que o avó llo presentou na rúa, cando ían mercar rotuladores, e que o lugar habitual para atopalos era a xeadería El Cortijo, na rúa do Paseo, onde ían para que os invitaran a xeado.
Faílde pai e fillo traballaban xuntos
- A esposa de Miguel Ángel Faílde e nora de Antón Faílde, Teresa, vivíu o “vínculo especial” que había entre pai e fillo. Traballaron xuntos para o Banco Español de Crédito, nas oficinas de tódalas provincias de España, tamén na Virxe de Fátima, da parroquia do Couto (Ourense) e no colexio dos Maristas.
- Laura sabe que seu pai Miguel tiña o convencemento de que ser escultor “era incompatible con tener familia y le gustaba mucho la piedra, así que la llevó al terreno comercial con el trabajo de marmolería”, detalla. E na marmolería segue a actividade de Laura e a do seu irmán Fernando, mentres que os demais desenvolven diferentes profesións en Ourense e en Nápoles (Italia).
- Os netos que puideron pasar tempo co avó Faílde lémbrano “no como un abuelo escultor, sino como un abuelo fantástico, que además quedaba con nosotros para darnos una paga semanal de 25 pesetas e invitarnos a helado”, narra José María.
- O avó Faílde traballou continuamente e expuxo a súa obra entre a exposición de 1940 no Orfeón, até a de 2018 na Sala Valente de Ourense (antigo Banco de España). Tamén nunha mostra póstuma compartida con Laxeiro e Comeiro no Pazo de Vilamarín, e outras posteriores polo centenario do seu nacemento en 2008 polos 30 anos da Escola Superior de Deseño que leva seu nome en Ourense… e máis.
- O fillo do escultor foi sempre moi coidadoso coa obra do seu pai, segundo lembra outro dos netos de Antón, Miguel Ángel, e “entendía que su legado es dignificar la obra y no hacer negocio con ella”, e así o viviron tamén os seus seis fillos José María, Fernando, Miguel Ángel, Antonio, Laura e María Teresa.
Unha obra en Barbadás, moitas en Ourense
- A familia ten localizado un traballo de Antón Faílde no municipio de Barbadás. Trátase dun panteón do cemiterio de San Lourenzo de Piñor, encargado para a familia Lobit que vivían na rúa Santo Domingo de Ourense. É posible que haxa máis pero descoñécenas.
- En Ourense, pola contra, podemos ver parte da súa obra, entre outros lugares públicos, a poucos metros do Pavillón municipal de deportes (un mural de pedra), ou en varios puntos do cemiterio histórico de San Francisco, onde anxos e outras figuras súas diferéncianse das de outros autores.
- O interese arredor da súa obra non é cousa nova e cada lembranza dela, en exposición ou en publicacións, renova a curiosidade polo seu xeito de traballar. Así que queremos contribuír ao seu recoñecemento e a manter viva a súa arte.
- O fotógrafo Mani Moretón, veciño tamén de San Lourenzo de Piñor, fotografou toda a súa obra para catálogos e publicacións institucionais arredor de Antón Faílde.
- E seguiremos arredor deste “escultor que escoitou a música das pedras”, para tentar traelo entre nós polo que nos conten del as persoas que o coñeceron dalgún xeito. Grazas a todas elas polo pulo e pola súa testemuña.
- Como exemplo, este escrito dun dos seus netos. Así viu/sentiu José María Faílde (o único que non está nas fotografías que acompañan este texto) ao seu avó Antón Faílde.
Título: Melodía de un cincel
Repicar rítmico
de precisos golpes
Son o traballar o granito
con maceta e cinceles
A suor brilando na súa pel
po no seu mandil azulado
é o meu recordo del
dun avó adorado
Olor a barro fresco
de torsos espidos
Po de granito
de acabados pétreos
Son recordos vivos
da miña feliz infancia
son anhelos nostálxicos
dunha agradable fragrancia
Xesto serio ao esculpir
tornase en explosiva ledicia
ao detectar a presenza ou o vir
da súa amada familia
Avó ou artista
Artista e avó
Humilde artista
orgulloso avó
Arte no querer
amor o crear
Apreciei a súa arte o crecer
o seu amor fíxome soñar
Artista na pública lembranza
pai do meu pai nas íntimasemocións
Alguén que deu vida á pedra
quen alegrou por sempre os nosos corazóns