03/06/2025
A Feira do 2 congrega preto de 40 postos de alimentación, roupa e accesorios na súa terceira edición

- A boa resposta da poboación e dos comerciantes confirma a aposta da Concellería de Cultura por revivir o tradicional mercado da Valenzá
- O Concello xa recibiu cinco propostas de novos postos para o mes de xullo
- “É unha actividade que dinamiza moito Barbadás porque se achegan persoas dos municipios limítrofes”, destaca Marga Pérez, concelleira de Comercio
A Feira do 2 celebrou este luns unha exitosa terceira edición, despois da aposta da Concellería de Comercio por revivir o tradicional mercado. A cita, que arrincou cunha decena de postos no mes de abril, congregou esta mañá preto de 40 comerciantes participantes. A oferta, cada vez máis variada, inclúe roupa, accesorios, calzado, alimentación ou plantío, ademais do habitual posto de pulpo e churrasco.
A concelleira de Comercio, Marga Pérez, amosa a súa satisfacción ante a boa resposta da veciñanza e dos feirantes. “Estamos moi contentos pola acollida da Feira: o número de postos medra e vai seguir facéndoo”, adianta. De feito, o Concello xa recibiu cinco propostas de novos postos que queren participar na cita do mes de xullo.
Pérez anima á poboación a participar, tanto de Barbadás como dos concellos limítrofes, e recorda a oferta gastronómica. “A xente pode comer aquí se quere, pero se prefire xantar na casa, pode coller comida para levar nos postos”, sinala.
A Feira do 2 non só dinamiza o tecido comercial do municipio, senón que tamén atrae poboación de localidades cercanas. “Esa xente despois tamén dá un paseo, toma algo, compra…”, apunta a edila.