26/11/2021

A frase “todo comienza con un sueño” na parede do seu local lembra por  que Juan é zapateiro na Valenzá

Emprendemento en Barbadás

Reparación de Calzado Juan Salvador Dinis Pires. A Valenzá. foto Rosa Veiga
  • Juan Salvador Dinis Pires é un dos tres zapateiros-reparadores de calzado que traballan en todo o concello de Barbadás. Leva décadas vivindo na Valenzá pero abriu a súa zapataría hai case 4 anos, porque este oficio era o seu soño e quixo facelo realidade cando quedou no paro.

 

  • “A crise económica de 2012 pilloume cando levaba 25 anos nunha empresa de construción de Xinzo de Limia e cando pechou, decidín reciclarme”, explica Juan mentres renova o piso estragado dun zapato de home.

 

  • Mentres estaba no paro, Juan comezou a falar e pasar tempo con José, o zapateiro que abrira 25 anos antes o local especializado en reparación de calzado, e cando José se xubilou, Juan xa estaba decidido a adoptar ese oficio, así que pasou horas aprendendo alí mesmo as técnicas de traballo.

 

  • “Dende sempre me pareceu marabilloso traballar nisto, e mesmo cando estaba na construción eu víame con estas máquinas e neste traballo coma un rei”, detalla Juan. Para aprender o básico, e máis, Juan partillou o seu tempo entre o local e José,  onde pasaron horas a porta pechada, e Ricardo, un amigo zapateiro que ten local na praza maior de Xinzo de Limia.

 

  • José animou e axudou a Juan a arrincar no oficio, e meses despois de pechar a súa zapatería por xubilación, alugoullo a Juan que ademais mercou toda a maquinaria que axuda a cambiar solas e medias solas de zapatos e botas.

 

  • “O máis difícil é o pegado das solas, porque dende hai uns anos o calzado non é todo de pel e con sola de coiro ou goma, senón que a variedade de materiais é grande e no é suficiente co tradicional proceso de pegado con cola de contacto, senón que hai que investigar cal é a que vai mellor para cada material dos que se usan agora”, relata Juan.
  • eparación de Calzado Juan Salvador Dinis Pires. A Valenzá. foto Rosa Veiga
    Reparación de Calzado Juan Salvador Dinis Pires. A Valenzá. foto Rosa Veiga

“Hai que diversificarse para seguir”

  • O poliuretano, segundo explica, é “a dor de cabeza dos zapateiros” porque para pegar sobre el unha nova sola hai que lixar, imprimar y deixar secar media hora, botar cola e esperar outra media hora, e despois pegar a nova sola, métela na prensa e deixar que asente ben”, e cada vez é menos rendible.

 

  • E se antes todo se arranxaba con cola de contacto, hoxe o básico é ter tres ou catro colas diferentes e até 7 ou 8 imprimacións para poder arranxalo calzado, sexa do material que sexa.

 

  • O local de Juan ten unha nova máquina para axustar a sola completa de botas de traballo, de montaña, de zapatos de home e muller…que permite dar unha nova vida ao calzado, antes de mercar outro novo.

 

  • Pero tamén ten maquinaria para facer copias de chaves, actividade que é un terzo da súa facturación total, e arranxa mandos a distancia, ten maña de cerralleiro de emerxencia…

 

  • A maquinaria para facer chaves de coches leva pouco tempo no seu local, igual ca un pantógrafo que lle permite ofrecer chapas para mascotas, placas para os buzóns….

 

  • Juan tamén aprendeu a afiar con Pepe, da empresa “O Afiador”, que é veciño do seu pobo natal na comarca da Limia. Así que afía coitelos e como os afiadores nómadas, ten arranxado algunha pota “por sacar do apuro a quen ma trouxo” sinala.

Juan segue a soñar

  • Quere mellorar aínda máis a súa oferta, e comezar a facer chaves para coches, aprender o oficio de cerralleiro para ir máis alá da apertura de portas e… sobre todo… soña “mercar un local, pero neste momento non se vende nada, nin sequera este no que estou alugado”, lamenta.

 

  • E mantén nunha das paredes da zapatería a frase “Todo comienza con un sueño” que escribiu para a apertura, hai case catro anos.
eparación de Calzado Juan Salvador Dinis Pires. A Valenzá. foto Rosa Veiga
Reparación de Calzado Juan Salvador Dinis Pires. A Valenzá. foto Rosa Veiga

Barbadás Quéreo Viveo, Novas, Promoción económica

CONTENT.1711692075

SINGLE.1711692075