16/04/2021

A gran familia da Valenzá no bar “A Farola” de Teresa

Emprendemento en Barbadás

Teresa Rguez, propietaria bar "A Farola" en traspaso por xubilación. A Valenzá (Barbadás) 11/04/21 Foto Rosa Veiga
  • Teresa Rodríguez Álvarez abriu en 1983 un bar na Valenzá, o pé dunha farola.

 

  • Toda a súa familia instalouse nun edificio en obra que foi dos primeiros na finca Vaamonde. O seu fillo foi o primeiro en rexistrarse no concello con Eloi Sabuz (un veciño que moitos lembran con agarimo pola súa atención e axuda en trámites burocráticos).

 

  • O bar “A Farola” abriu na rúa A, a primeira urbanizada. No resto da Valenzá, segundo lembra Teresa, estaban abertos “O Carrabouxo” e o “Tufo”, un en cada extremo do pobo. Seu marido José Luis traballaba na Citröen, no polígono industrial, e “un soldo non chegaba para manter unha familia e unha casa a medio facer” así que planteou na casa que quería traballar.

 

  • “Falamos co aparellador para preparar o baixo pensando nun bar, porque non había ningún nesta zona nova, aínda que eu de bares non sabía nada”, e lembra a presencia continua da súa cuñada Carmen, para poñelo en marcha e atendelo.

 

  • A partires da inauguración o 20 de febreiro de 1983, Teresa comezou a ter unha gran familia. Irmáns, cuñados, marido e fillo, comezaron a engadirse; Julia, a da tenda que xa levaba anos aberta a poucos metros, e novos veciños e veciñas cos que aínda comparte a peña da Farola, que recuperará xuntanzas trala pandemia.

 

  • “Dende o primeiro momento, este bar foi o salón da casa para moitas familias porque nel celebramos aniversarios, chocolatadas no Nadal, parrilladas nos entroidos….”. Lembra tamén celebracións de partidos de fútbol con empanada, tortillas e chourizo para todos, os 110 chupa-chups que deu ao grupiño de Samaín que chegou con “truco ou trato”… “Aquí celebrábase todo e a cafetería estaba sempre chea de nenos e nenas”, asegura.

 

  • En 44 anos so pechou polo falecemento dos seus pais e sogros, e un día para celebrar a primeira comunión do seu fillo, José Luis. “E aínda ese día, abrimos pola tarde, porque tiñamos a festa no bar e moitos amigos e veciñas comezaron a pasarse despois do xantar para felicitarnos, e abrimos para atendelos”, explica divertida.

 

Cinco anos sen agua nin luz

  • Nos primeiros anos, a auga chegaba en garrafas e cisternas para a casa e para a cafetería, e a luz foi de obra durante anos, até a chegada dun transformador para as novas construcións da zona.

 

  • As obras da estrada de Celanova foron a primeira gran oportunidade para o bar de Teresa e foise enchendo de traballadores e xefes chegados de Madrid. “A oficina estaba preto e entre as 7,30 e as 22,30 os almorzos, xantar, cafés e partidas foron neste bar”.

 

  • “Nós viñemos de Gomesende pero aquí vivimos tamén coma nun pobo, e sempre tivemos axuda e apoio de todos, como nos anos aqueles sen luz nin auga”, e relata que no Carrabouxo tiñan neveira para os conxelados e a ela vendíanllos polo miúdo, porque non tiña luz para unha neveira ni na casa nin no bar.

Haberá festa de peche

  • A pandemia obrigou ó peche total o 13 de marzo de 2020, e dende aquela, “A Farola” abriu de xeito intermitente até que decidiu pechar definitivamente. O negocio traspásase e Teresa asegura que cando reabra haberá festa polo seu peche.

 

  • “Teño moito que agradecer e celebrar coas persoas que sempre estiveron por aquí”, e así o anuncia para quen queira engadirse a esa xuntanza, en canto sexa posible.
Teresa Rguez, propietaria bar "A Farola" en traspaso por xubilación. A Valenzá (Barbadás) 11/04/21 Foto Rosa Veiga
Teresa Rguez, propietaria bar “A Farola” en traspaso por xubilación. A Valenzá (Barbadás) 11/04/21  – Foto Rosa Veiga

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas, Promoción económica

CONTENT.1713556347

SINGLE.1713556347