12/08/2021

A historia de Louredo baixo a fraga de Santa Uxía

Cultura Barbadás

couto Louredo
  • A historia do couto de Louredo ten data final no século XII pero o territorio que levaba ese nome ten vestixios humanos dende a Prehistoria até épocas contemporáneas. Foi couto na Idade Media até desaparecer para dalo seu espazo o couto de Ourense e hoxe podemos coñecer muíños, un castro, un Castelo e varios eremitorios ou igrexas, un deles con porto fluvial, a través da documentación histórica, e dos restos que permanecen no bosque/fraga de Santa Uxía, a Santa Ouxea medieval.

 

  • Esa aldea no norte do concello de Barbadás é a porta de entrada a un bosque cruzado por numerosos regatos, penedos, camiños, sendas, vellas pistas antes transitadas por canteiros, camións da pedra, labregos, viticultores… e moitos restos de estes usos anteriores, como ramplas de carga, estanques, fontes, muíños…

 

 

  • Por iso sabemos que no ano 900 o rei Alfonso III fixo doazóns á sede episcopal de Ourense tras ter sido ”maliciosamente dilapidada” polo bispo Censerico, uns anos antes  e cen anos antes das desfeitas causadas polos normandos.

 

  • O couto Auriense, correspondente ó Bispado de Ourense,  dos tempos de Alfonso III (ano 900 ) quedaba comprendido entre O Vao (preto da desembocadura do río Loña no Miño), o monte de Santa Ladaíña de Piñor e o regato Ervedelo (no comezo de Reza) e todo parece indicar que ese couto formaba parte da Terra do Búbal (río que desemboca no Miño, nos Peares).

 

  • A cidade de Ourense tiña situación case central nesa terra do Búbal (na que tamén estaba Celanova) durante o século X, pero a sede episcopal non tiña transcendencia territorial (a diferencia das de Lugo e Tui naquel momento).

 

Aparición e fin do couto de Louredo
  • No ano 952 menciónase un Castelo de Louredo, localizado hoxe no límite entre os concellos de Ourense, Barbadás e Toén. Está moi mal documentado e rexía un espazo que tiña o mesmo nome, e que aparece despois nos papeis das ampliacións da diocese de Ourense no século XII.

 

  • Tralos estragos dos normandos na cidade de Ourense arredor do ano 1000,  o territorio se reorganiza e Ourense e Louredo deixan de formar parte da Terra do Búbal, e pasan a Terra do Limia a comezos do século XI, tras varios intercambios entre ambas demarcacións.

 

  • Ademais, en 1133, creouse o “couto novo” de Ourense co “couto vello” e doazóns que o ampliaron en 4 fases sucesivas nas que o rei Alfonso VII concedeu traspasou espazos de Louredo á autoridade da diócese en xaneiro, abril, maio e setembro dese mesmo ano.

 

  • Así, na segunda ampliación, a de abril, a catedral auriense fíxose cas parroquias actuais de Bentraces, Sobrado do Bispo, Barbadás, A Valenzá, Piñor, Moreiras (Toén) e Santa María de Reza (Ourense). En gran parte a costa do castelo de Louredo e co marco territorial pegado ós seus valados, en Santa Ouxea.

 

  • A fortaleza pasou ó señorío auriense un mes despois, en maio, igual que o territorio do actual concello de Toén (salvo Moreiras que xa estaba no novo couto auriense dende abril), A Merca, parte do actual Castrelo de Miño… O rei Alfonso VII o día 13 de maio tamén entregou a igrexa de San Martiño de Loiro á catedral de Ourense.

 

  • Na ampliación concedida polo rei en setembro do mesmo ano 1133 foron o resto das terras de Louredo, Vilar de Paio Muñiz (dende Pousafoles)  e Celanova, todas arredor do castro de Trelle.

mapa 2b maio1133

  • Así, o couto de Ourense herdou a demarcación de Louredo e comezou o seu despegue pero o distrito gobernado desde o Castelo de Louredo desapareceu para sempre.

 

  • En termos de investigación, as ampliación alfonsinas do couto auriense en 1133 avalan a existencia dun espazo acoutado previo arredor do Castelo de Louredo, rexente desa zona dende mediados do século X, polo menos. Engadir o seu territorio ó couto auriense, permitiu á diocese facerse cun espazo señorial considerable, desbancando ó Castelo de Louredo. Isto deu á cidade de Ourense un impulso que a converteu en núcleo urbano e cabeza dun señorío de certa magnitude, e foise afianzando a partires do bispo Ederonio que foi o primeiro que fixo obras na capital nos anos 20 e 30, que se teña constancia.

 

En Louredo, tamén castro e mosteiros
  • O antropólogo Jesús Ferro Couselo tamén indagou nos papeis históricos e falou, nunha conferencia de 1967 en Portugal, dos “Monjes y eremitas en las riberas del Miño y del Sil”.

 

  • Entre eles, falou de “Santa Ouxea ad portum Abbatis” como eremitorio fundado por el “famosísimo” abade Senior, “que repobló gran parte de estas riberas y erigió en ellas iglesias y monasterios a los que dio reglas como el de San Martín de Louredo, el de San Vicente (hoy en el concello de Toén, por debajo del castillo de Louredo) y el de Santa María de Louredo, según Ferro, `filial´ de Santa Comba de Naves de la orilla derecha del río Miño”.

 

  • Máis tarde, Juan Carlos Rivas Fernández publicou no Boletín Auriense número 11 do ano 1981, un artigo amplo adicado a “Vestigios prerrománicos de algunos olvidados monasterios y eremitorios orensanos”, no que 5 páxinas se centran en “Santa Ouxea ad portum abbatis”.

 

  • Hai agora 40 anos visitou e falou das “ruinas en un escondido rellano de la pendiente margen del río Miño” cerca “del famoso paraje denominado Pozo Maimón, en el monte Louredo”. Aínda estando tan cerca da cidade de Ourense, “Santa Ouxea, Ougea o Eugenia ad Portum Abbatis es desconocida para la mayor parte de los orensanos” e lembra a primeira mención que fixo dela Ferro Couselo, case 20 anos antes.

 

  • Rivas detalla que nesta marxe esquerda do Miño, a que percorre os concellos de Barbadás e Toén, localízase máis dun “lugar sagrado” pois  no couto Louredo (nun documento dunha “suposta” doazón do abade Arnulfo no 842 ) hai un “dominante castro romanizado” no que despois asentou “un castelo ou torre medieval”, donado polo rei en 1133 ó bispo de Ourense.

 

  • Rivas plantexa que o nome da actual aldea de Santa Uxía, precede “seguramente del cercano monasterio de Santa Ouxea ad Portum Abbatis, documentado en esa doazón del siglo IX” e que debe seu nome ó feito de ter moi preto un porto fluvial dende o que levar e traer mercancías.

 

foto e debuxo mensulas Rivas

 

  • E se queres saber máis, algo atoparás na publicación “Algunhas cerámicas do castro de Louredo” no Boletín Auriense número 20-21 do ano 1990, do arqueólogo Alfredo Seara Carballo, e no Inventario Histórico-artístico do pobo de Piñor que a Asociación Cultural “Frouma” fixo en 1992

 

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1711637184

SINGLE.1711637184