09/09/2025

A octava edición do Barbadás a Bocados trae novas propostas como showcookings e catas de viños

Presentación Barbadás
  • O concurso levarase a cabo o venres e sábado, pero as actividades complementarias xa comezaron onte
  • Marga Pérez, concelleira de Comercio, convida á poboación a sumarse “porque esta experiencia non só estimula o paladar, senón que tamén fortalece a unión entre hostalería, comercio e cidadanía”

O Concello de Barbadás impulsa, como cada mes de setembro, o concurso de pinchos Barbadás a Bocados, unha proposta que dinamiza a hostalería local e o comercio, ademais de converterse nunha cita ineludible para a poboación do municipio. Nesta oitava edición, o gobierno local apostou por ampliar a programación e incluír actividades complementarias á degustación de pinchos, que se levará a cabo o venres e o sábado.

A prestixiosa sumiller e embaixadora gastronómica Mercedes González Rodríguez guiou onte a cata de viños “Barbadás a sorbos” na tapería Taringa, que iniciou o ciclo de actividades. “Desde o Concello queremos mellorar en cada edición, e por iso este ano, como novidade, ofrecemos catas de viños, shoocokings e degustacións de xamón para todas as persoas interesadas”, detallou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, na presentación do Barbadás a Bocados. Nesta edición participan un total de 11 negocios de hostalería, desde restaurantes ata pizzerías e taperías.

Pola súa parte, a concelleira de Comercio, Marga Pérez, anima á participación da veciñanza nas actividades, que se van a desenvolver durante toda a semana. “O venres e o sábado, o concurso de pinchos comezará ás sete da tarde”, apuntou a edila, que puxo en valor o esforzo dos locais. “Detrás de cada proposta está o esforzo dos hostaleiros e hostaleiras que traballan con ilusión para facernos o mellor pincho”, resaltou. Neste sentido, convida á poboación a desfrutar do Barbadás a Bocados. “Esta experiencia non só é estimulante para o paladar, senón que tamén fortalece a unión entre hostalería, comercio e cidadanía, xa que cando apoiamos o noso, gañamos todos e todas”, asegurou Marga Pérez. A concelleira agradece o traballo dos locais participantes, así como a implicación das empresas colaboradoras e de todas as persoas que fan posible que, ano tras ano, o concurso sexa un éxito.

Actividades complementarias

A programación de actividades comezou onte coa cata de viños guiada por Mercedes González Rodríguez, e continúa hoxe cunha masterclass sobre corte e aproveitamento de xamón. A cita será ás 20,00 horas en Oren Express, e rematará cunha degustación do xamón. 

Mañá mércores haberá un showcooking sobre creatividade na cociña con verduras e hortalizas de tempada. O evento comezará ás 20,00 horas na tapería A Bodeguiña. O xoves, como broche de ouro á programación, o restaurante Os Faroles acollerá unha cata de “Barbadás a sorbos” de Estrella Galicia. A cita tamén comezará ás 20,00 horas.

A participación nas actividades é gratuíta.

Comercio, Novas

CONTENT.1773638514

SINGLE.1773638514