28/12/2022
A pista de xeo sintética e seca chegou a Barbadás dende unha empresa da provincia, que a leva a media España
Diversión en familia. Nadal en Barbadás.
O Nadal de Barbadás de 2022, que chegou no marco dun inverno estrañamente cálido, trouxo xeo e patinaxe ás festas… pero non o xeo “natural” cos seus fríos, molladuras e mudas de roupa apuradas para entrar en calor, senón outro menos “romántico” pero moito máis cómodo.
- Unha das pistas deportivas da rúa Cotelma (sobre o parque da Solaina) estará ocupada até o día 8 de xaneiro, pola carpa que cubre unha pista de xeo sintética, para a que non compren guantes, nin gorro, nin muda de roupa seca, nin tan sequera reforzo vitamínico en prevención de arrefriados.
- A pista que estrea Barbadás neste Nadal foi instalada pola empresa Mantesil-Ocio, única da provincia de Ourense que a ten entre os seus produtos, e que xa a instalou en Galicia e media España durante os últimos 6 anos.
- O seu xerente, Berto Fernández, explicounos que a idea xurdiu en Sevilla, dunha empresa “punteira no mundo do xeo sintético” e pareceulles unha oportunidade paralela a outros produtos e servizos de ocio que ofrecen.
“Fronte a pista de xeo tradicional, certamente moito máis romántica, esta sintética non ten gastos de enerxía e auga para manterse sólida e fría, e a esa vantaxe engádese que os nenos e nenas non se mollan cando patinan, e a familia non ten que apurar a cambiarlles toda a roupa cando rematan para entrar rapidamente en calor”, engade Fernández.
Máis de cen pares de patíns dispoñibles
- E esa é a vantaxe que lle atopan as familias que xa probaron a pista da rúa Cotelma, a da inexistencia de molladuras e a posibilidade de desfrutala toda a mañá ou toda a tarde por só 3 euros. A pista ten capacidade para que patinen comodamente a un tempo, 30 ou 40 persoas, e a dispoñibilidade de patíns é de máis dun cento de pares. Tamén hai un apoio para pequenos en forma de oso patinador, e cadeiras para poñer e quitar os patíns.
- Rebeca animou a súa filla a probala nova pista porque hai pouco tempo que a moza comezou clases de patinaxe así que decidiu que podían as dúas aproveitar “para que ela practique e colla confianza, a cambio de que eu o faga con ela tamén”.
E velaí foron as dúas, agarradas á baranda da pista durante un par de voltas e despois xa competindo por cruzala polo medio, xa as dúas con soltura evidente.
- Iria, os seus dous fillos e outro pequeno duns amigos, pasou a tarde cos tres cativos e contounos que cando todos merendaran, a pé de pista, e cansaran dos patíns, pensaban quedar na cafetería Solaina, fronte a pista, para rematalo día coa entrega do pequeno nun encontro tranquilo de amigos.
- Ese parece selo plan favorito arredor da pista de xeo pois Rebeca, e algún/ha outr@ practicante de patinaxe, consagrado ou de estrea, explicou que nos vindeiros días repetirá sesión con patíns coa filla e amigas súas do colexio, e rematará con cita na cafetería cos pais e nais amigos despois de meses sen atopar tempo para verse.
- Cándido e Josefa tamén decidiron probar a pasar a tarde na pista coas súas fillas Suevia e Alba. Son veciños de A Valenzá dende hai anos e a opción da patinaxe pareceulles a mellor para as nenas que tras os primeiros 15 minutos e algunha caída, móvense con soltura sobre a superficie sintética.
- Se es afeccionad@ a patinar, se non sabes aínda se che gusta, se xogas a hockei en liña, se fas patinaxe artístico… mesmo se nunca tiveches cerca un patín, mira que oportunidade para probalo!
- A outra máis preto está en Zamora, onde a mesma empresa ten instalada neste momento outra pista de xeo sintética.