28/11/2025

A Policía Local de Barbadás estrea o sistema Tetra de comunicación dixital

Convenio
  • Trátase de terminais de formato walkie talkie con interconexión entre servizos de emerxencia, xeolocalización, envío de SMS e chamada ou aviso SOS se a rede de telefonía móbil está caída
  • “Estamos a traballar na desconexión do actual repetidor analóxico que daba servizo a Policía Local e a Protección Civil e queremos ampliar o convenio Tetra ao longo do 2026”, avanza Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias

O Concello de Barbadás avanza na modernización da Policía Local coa incorporación dos equipos de comunicación Tetra. A adquisición destes terminais, xunto cos dous vehículos novos dos axentes, dan conta do esforzo do goberno local por mellorar e reforzar a seguridade da veciñanza. Os novos terminais permitirán unha comunicación máis rápida e eficaz entre os policías e co resto de servizos de emerxencias. 

A incorporación dos equipos Tetra chega despois da ampliación do convenio do Concello con Retegal para o uso da rede dixital de seguridade e emerxencias de Galicia. Os terminais, tipo walkie talkie, melloran notablemente a calidade da comunicación dos equipos analóxicos actuais, permiten a xeolocalización, o envío de SMS e chamada ou incluso aviso SOS nos casos nos que a rede de telefonía móbil estea caída. 

O goberno municipal traballa xa na ampliación deste convenio para aumentar o número de terminais tanto para a Policía Local como para o servizo de Emerxencias e Protección Civil. “Estamos a traballar na desconexión do actual repetidor analóxico que daba servizo á Policía Local e a Protección Civil, actualmente obsoleto, e ese aforro de custes irá directamente vencellado á ampliación do convenio Tetra ao longo do 2026”, avanza Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias. 

Novas, Seguridade cidadá

CONTENT.1770946872

SINGLE.1770946872