07/04/2025

A Policía Local de Barbadás estrea un vehículo todoterreo e inicia o seu proceso de modernización

Vehículo Policía Local
  • O Concello incorporará un novo efectivo ao longo do ano, e nos próximos meses se mellorarán as comunicacións coa rede dixital Tetra
  • “Con este novo vehículo cubrimos unha das importantes carencias deste servizo”, resalta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel

A Policía Local de Barbadás estrea novo vehículo trala incorporación dun todoterreo aos equipos da xefatura. O Concello de Barbadás reforza así o compromiso coa seguridade da poboación e mellora os medios dispoñibles polos axentes. “Coa incorporación deste vehículo cubrimos unha das importantes carencias deste servizo”, asegurou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, durante a presentación oficial do automóbil. 

O todoterreo, que cumpre cos requisitos medioambientais e de mobilidade, permitirá á Policía Local cubrir espazos urbanos, así como rurais e mesmo zonas de montaña. “Ofrece un servizo integral para cubrir as necesidades da da veciñanza de todo o municipio”, resaltou Valcárcel. 

O alcalde e o xefe da Policía Local de Barbadás, Fernando Freire, recibiron esta mañá as chaves do automóbil. Ao acto de entrega tamén acudiron a tenente alcalde, Victoria Morenza; o edil de Seguridade e Emerxencias, Daniel Rey, así como personal administrativo da Policía Local e integrantes de Protección Civil. 

Modernización: novo efectivo e rede Tetra

A chegada do novo vehículo supón o inicio do proceso de modernización da Policía Local impulsado polo Concello de Barbadás nunha firme aposta polo benestar da poboación. “Está prevista a incorporación dun novo efectivo ao longo deste ano”, recordou o rexedor. Tamén nesta liña, durante os meses de maio e xuño se mellorarán as comunicacións coa rede dixital Tetra, “un gran avance fundamental para que a veciñanza sexa ben atendida”, en palabras de Valcárcel. 

Por outra banda, o Concello ten solicitado á Xunta de Galicia a entrega dun vehículo neste 2025 a través do Fondo de Compensación Ambiental. “A mellora na Policía Local de Barbadás será completa ao longo deste ano”, remarca o alcalde.  

Novas, Seguridade cidadá

CONTENT.1747213206

SINGLE.1747213206