10/11/2023

A programación do 25-N de Barbadás esténdese a todo o mes e inclúe teatro, obradoiros nos centros educativos e de autodefensa

O Concello de Barbadás estende a todo o mes de novembro a programación do 25-N. A loita contra esta lacra social comeza coa concienciación dos máis novos e por iso organizáronse obradoiros nos centros educativos baixo o lema “Semellantes e diferentes, con igual valor”. A iniciativa, que se desenvolverá ao longo destas semanas, está dirixida ao alumnado de sexto de Primaria dos CEIP Filomena Dato, O Ruxidoiro e o Luis Vives e aos estudantes de primeiro curso da ESO do IES Ferro Couselo.

Para o 24 de novembro ás 9.30 horas organizouse a reunión da mesa redonda de coordinación institucional fronte a violencia de xénero e a lectura dun manifesto na Casa Consistorial a partir das 11.00 horas. Pola tarde, ás 20.30 horas, comezará na Casa da Cultura o espectáculo teatral “Insubmisa”, de Antagonista Teatro.

A Casa da Mocidade será o escenario no que o 25 de novembro se ofreza un obradoiro de autodefensa para mulleres, de 11.00 a 13.00 horas.

A programación foi presentada está mañá no Centro de Información á Muller e concelleira de Igualdade, Elisabeth González, insistiu en que “dende o Concello de Barbadás traballamos os 365 días do ano pola igualdade e fronte á violencia de xénero, xa que este traballo debe de ser continuo, aínda que nestas datas a sensibilización sobre esta lacra social sexa máis visible”.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, lembrou o lema “Querémonos vivas” como “unha  frase que hai que ter presente cada día”. Tamén puxo o acento nas campañas de sensibilización contra a violencia de xénero: “Fago un chamamento ás institucións educativas para que se impliquen neste labor porque cada vez hai máis agresións entre os máis novos”. Sobre a atención que se ofrece no Centro de Información á Muller o rexedor engadiu: “Barbadás é un lugar de referencia para atender as vítimas, esta é a súa casa”.

Novas

CONTENT.1726559044

SINGLE.1726559044