04/03/2024

A programación do 8-M de Barbadás estenderase ata o mes de maio e porá o foco na concienciación da mocidade

A programación do 8-M de Barbadás estenderase máis alá do mes de marzo. O Concello elaborou un completo programa de actividades que comezará o propio Día da Muller, o venres 8 de marzo, cando se ofrecerá un recital poético-musical a cargo da actriz Lucía Álvarez (voz) e José Luis Troitiña (guitarra). A través desta iniciativa farase un percorrido literario pola poesía galega, destacando obras de autoras como Paula Vázquez, Chus Pato ou Aba Cid, entre outras. Será ás 20.00 horas na Casa da Cultura Manuel María.

A Carreira pola Igualdade de Barbadás será o acto principal do programa e celebrarase o sábado 9 de marzo, con saída ás 11.00 horas do polideportivo municipal, pasando pola avenida de Celanova para rematar no Parque da Liberdade. Na proba, de 5 quilómetros, poderán participar todas aquelas mulleres, homes, nenas e nenos que o desexen e o percorrido poderá realizarse camiñando, correndo, en cadeira de rodas, andador, bicicleta, patíns ou patinetes.  Carolina Rubirosa, que reivindica a igualdade nas súas cancións, ofrecerá un concerto ás 20.00 horas na Casa da Cultura.

Para concienciar aos máis novos na loita pola igualdade organizouse, para os meses de abril e maio, un ciclo de educación afectivo-sexual nos centros de referencia do concello: CEIP Filomena Dato, CEIP O Ruxidoiro, IES Ferro Couselo e CPR Luis Vives. A concelleira de Igualdade, Elisabeth González, asegurou que “o traballo cos colexios e coa mocidade é imprescindible nesta loita” e animou a toda a veciñanza a participar no programa de actividades. Tamén insistiu en que “só coa implicación de todos e todas poderemos conseguir a igualdade plena”.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, subliñou o feito de que a programación elaborada polo Concello se estenda máis aló do 8M e que abranga os ámbitos culturais, deportivos e educativos. O rexedor segurou que a sociedade debe seguir reivindicando os dereitos das mulleres: “Hai que dar máis pasos en favor da igualdade, a loita debe ser ardua e continuada”. Tamén lamentou o retroceso en materia de igualdade que moitos países están levando a cabo despois de anos de loita.

2024-8M en Barbadás - Programa de actividades

Novas

CONTENT.1733593475

SINGLE.1733593475