28/03/2025

A rapazada do Filomena Dato planta 15 variedades de xúpiter e xasmín de leite polo Día da Árbore

Día da Árbore
  • Medio cento de nenos e nenas de 5 e 9 anos participaron na actividade conmemorativa deste día, impulsada pola Concellería de Educación e a Concellería de Parques e Xardíns
  • “Este ano incluímos ao alumnado de Infantil para que coñezan desde pequenos o que é unha árbore e os coidados que precisa”, explica a concelleira Marga Pérez

A Valenzá conta con 15 novas árbores no entorno da rúa Regato dos Muíños grazas á rapazada do CEIP Filomena Dato. Medio cento de alumnos de Educación Infantil e Primaria participaron na actividade de plantación, organizada pola Concellería de Educación de Barbadás en colaboración coa Concellería de Parques e Xardíns. 

A iniciativa realízase cada ano co gallo do Día da Árbore, celebrado o pasado día 21. “Esta é unha xornada de continuidade das charlas realizadas o venres a cargo de Adega nos colexios. Entón non foi posible plantar polo mal tempo, así que o fixemos hoxe”, detalla Marga Pérez, concelleira de Educación. “Este ano incluímos ás clases de Infantil para que coñezan desde pequenos o que é unha árbore e os coidados que precisa”, engade. 

O alumnado, acompañado de varias profesoras, participou no proceso de plantación. Os operarios de Parques e Xardíns ensináronlles os pasos a seguir e os pequenos, ataviados con guantes e pas, encargáronse de facer o resto. En total, plantaron 15 exemplares das variedades xúpiter e xasmín de leite. “Agora teñen o compromiso de volver nas próximas semanas para regalos e coidalos. É un xeito de conciencialos da importancia de coidar as árbores”, asegura. 

O espazo escollido para a actividade foi o entorno da charca para anfibios, na rúa Regato dos Muíños. Trátase dun espazo verde impulsado nos últimos anos polo Concello de Barbadás co obxectivo de paliar as altas temperaturas do verán e ofrecer á veciñanza unha zona máis de esparcemento e descanso. 

Barbadás Quéreo Viveo, Educación/Formación, Novas

CONTENT.1747876020

SINGLE.1747876020