22/04/2024
A Semana do Libro do Concello de Barbadás inclúe un intercambio co club de lectura portugués “Chá con palavras”
Arranca a Semana do Libro en Barbadás con interesantes propostas para todos os públicos e entre as que se inclúe un intercambio co club de lectura portugués “Chá con palavras”. Os visitantes do país veciño realizarán este sábado 27 de abril a ruta literaria da obra “O souto dos catro ventos”, de María Oruña, acompañados polos integrantes do club “Café con letras” do municipio.
Inculcar aos máis pequenos a paixón polos libros é un dos obxectivos do programa e os contacontos sucederanse polas librerías ao longo dos próximos días. Esta iniciativa dirixida a nenos dende os tres anos terá esta tarde as librerías Carlin e Espa como escenario, ás 18.30 e 19.15 horas.
A concelleira de Educación e Comercio, Marga Pérez, anima a todas as familias a participar “nesta proposta que se leva a cabo dende hai anos para incentivar a lectura grazas á colaboración das librerías e tamén trata de dinamizar o sector do comercio coa venda de libros”.
Para mañá, 23 de abril, organizouse un contacontos na Biblioteca Municipal, a partir das 10.00 horas. Neste mesmo escenario, ás 19.30 horas, terá lugar a presentación do libro “A única María Casares”. Recentemente galardoada co premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de repartición, Berta Ojea, quen tivo o privilexio de coñecer a María Casares, presentará esta obra de ficción baseada na vida e experiencias da recoñecida como a destacada actriz europea do século XX e a quen Albert Camus denominaba “a única”.