21/06/2022
A taberna galega de Luis Miguel na Valenzá troca en croquetería e vermutería con actividades musicais
Emprendemento en Barbadás
Luis Miguel Redondo Rego cambiou o nome “Morro fino” da súa taberna galega polo de “D´Croketas” no local da rúa Cotelma no que traballa dende agosto de 2019.
- O troco de nome debeuse a unha oferta diferente e única, neste momento, na Valenzá, centrada agora nunha decena de variedades diferentes de croquetas, case tódolos vermús galegos, entre outros, e táboas de queixos e embutidos de calidade certificada.
- A familia de Luis Miguel espállase por Trelle (Toén), Valladolid e parte da costa galega, e nos seus anos máis mozos viviu na Carballeira e coñeceu A Valenzá e O Couto. “O lugar habitual para saír cos amigos era A Valenzá e dende os 17 anos traballei na hostalería local”, lembra.
- Estivo en varios dos restaurantes mexicanos da contorna (no “Tajín mexicano”, no “Mexicano Auténtico”…) e cando decidiu traballar pola súa conta atopouse “con locais inasequibles” na cidade de Ourense. Na Valenzá atopou en 2019 un único local de restauración que non traballaba cara o público por estar pechado dende dous anos antes.
“Neses primeiros meses non me foi mal, pero chegou a pandemia, e tiven a gran sorte de que o propietario do local acordou comigo suspéndelo cobro do aluguer até que puidera traballar e grazas a iso podo estar aberto agora”, detalla.
- Dende que comezaron a reducirse as restricións pola Covid e para recuperala actividade, Luis Miguel organizou unha festa asturiana, unha degustación de croquetas no Día da Patria Galega, 25 de xullo, en 2020 e diferentes iniciativas para activar o local e a zona na que está.
Dende abril, croquetería
- En abril deste 2022, Luis Miguel elaborou unha oferta diferente cunha decena (polo momento) de croquetas diferentes de fabricación galega e a combinación de diferentes vermús, entre eles Povarello, Petroni de Padrón, Sardino de Pontevedra, Fogar de Santiso elaborado en Allariz, Rivera de Estrella Galicia, elaborado en Chantada e o Entroido do Rosal.
- Dende ese momento, o nome pasou a indicar esa especialidade en croquetas, aínda que mantén as tostas, embutidos e queixos, tamén en continua evolución, dende táboas de queixos galegos a outras centradas en queixos do resto de España, neste momento.
- Xa anuncia una “festa hawaiana” para o 23 de xullo, que será a primeira dende que abriu como croquetería, e prepara a segunda que contará con degustación de viños da D.O. Rías Baixas e mexillóns.
“Estou a preparar unha festa con gaiteir@s e agora que a situación vai mellorando ós poucos, boto de menos a convocatoria de Barbadás a Bocados que considero que é moi boa para dar pulo a hostalaría da Valenzá”, engade.
- Tamén proxecta convocar a veciñ@s e visitantes con sesións de contacontos, e algunha outra idea que xa lle ronda pola cabeza.
- Para estar a última nas súas novas, tédelo en Instagram .