13/09/2022

A veciña de Barbadás que foi vicepresidenta do Parlamento de Galicia é Tareixa Paz e vive nas Lamas

Emprendemento en Barbadás

Tareixa Paz, primeira muller vicepresidenta do Parlamento Galego, no lugar onde estaba a escola unitaria na que estudou, nas Lamas

Esta historia comezou no activismo do século XX e despois trocou a traxectoria na política institucional até 2016…que parece que foi onte…

  • Tareixa Paz foi a primeira muller de Barbadás concelleira, con 28 anos, no 1995, e non houbo outra edil até 2003. Tamén ocupou o cargo de Vicepresidenta do Parlamento de Galicia, na lexislatura que comezou no 2005, na que a presidenta era Dolores Villariño, ámbalas dúas mulleres da provincia de Ourense.
    Xusto antes ca ela, foino a tamén ourensá Inmaculada Rodríguez Cuervo e despois houbo algunha outra muller na presidencia e vicepresidencias parlamentarias, até chegar á paridade actual.

 

  • Por ser concelleira en Barbadás chegou “a ter a proxección e visibilidade na comarca de Ourense que facilitou que entrara en 1999 na Deputación, onde xa había outras dúas mulleres deputadas provinciais (Marina Cuquejo e Elisa Nogueira) e alí, como nas outras institucións, sempre me sentín a gusto e ben tratada, así que a miña promoción política non foi mérito meu, senón moito da contorna social que se vivía daquela e da colaboración de moitas compañeiras e compañeiros”, lembra.

 

  • Relata que nos anos 90, había “moi poucas mulleres con protagonismo en política, máis aló das que estaban en corporacións municipais que non adoitaban ter presenza e protagonismo ningún”, engade Tareixa que tamén resalta a “sorpresa” que foi para ela, ir de vicepresidenta do Parlamento, cando se estreaba tamén como parlamentaria autonómica.

 

  • Tiven vertixe naquel momento, pero os retos non me asustan e tampouco me bota cara atrás aprender e traballar,  así que aceptei a proposta tamén pola satisfacción que supuña facer Historia, no persoal e no colectivo”.

 

  • No mesmo ano deixou o seu cargo de concelleira en Barbadás e chorou cando o fixo: “aquela etapa de 10 anos no concello de Barbadás non a cambiaría por nada”, lembra.
Tareixa Paz - Concello de Barbadás
Tareixa Paz, no Amieiral (parque dos Carrís), onde aprendeu a nadar no río Barbadás 26/08/22. Foto Rosa Veiga

Activismo nas Lamas

  • Para contar como chegou a ser vicepresidenta do Parlamento, Tareixa alude ó movemento social xurdido nas Lamas en 1993, no momento en que se soubo que o trazado da autovías das Rías Baixas (A-52) fora afastado do previsto inicialmente, para “favorecer os intereses da familia de Luís Taboada, propietaria de 40.000 m2 dende a actual urbanización da Solaina (na Valenzá) até As Lamas”, detalla Tareixa.

 

  • Con ese desvío, o trazado aprobado no Ministerio “non tocaba as terras de Taboada (familia dun exgobernador provincial) e metíase polo medio e medio da aldea das Lamas, e facía desaparecer a metade dela”, engade.
    “Un pequeno grupo de veciños puxémonos en pé de guerra. O tema fixo que se implicasen veciños e veciñas emigrados en Vigo e outras cidades. Mobilizámonos, fixemos visible esa inxustiza e unha comisión de 4 persoas fomos á sede do ministerio en Madrid, sen aviso previo, á espera de que alguén nos recibira”, relata.

 

  • Lembra daquela “aventura” que a reclamación veciñal diante no ministerio “foi tan razoable” que lograron, non recuperar o trazado inicial, pero si “salvar a aldea e parte das propiedades da familia Taboada”.

 

  • E así resume  Tareixa o que foi a “chispa” que prendeu nela e en “Eli” para dalo paso cara a política pública. Para Tareixa  “foi un choque descubrir que as estruturas caciquís do franquismo estaban en 1993 tan vivas, e a lección foi que, por moi pequeno que sexas se te organizas pódense lograr obxectivos colectivos e defender o que de xeito individual sería moi difícil”.

 

  • Nesa explicación do seu paso cara a política, apunta como importante gozar de certa liberdade: “Aprendín daquela que para ser activista social nunha provincia tan controlada como a de Ourense, tes que ser rico ou funcionario, para así estar libre de extorsión co teu sustento económico, e eu xa era funcionaria daquela”, engade.
Tareixa Paz - Concello de Barbadás
Tareixa Paz, primeira muller vicepresidenta do Parlamento Galego, diante do cruceiro das Lamas 26/08/22. Foto Rosa Veiga

Aplicouse “auto rexeneración democrática”

  • No seu cargo de deputada autonómica “rasa” estivo até 2016 e o seu traballo centrábase en incendios. “Paseino moi ben tanto no Goberno como na oposición porque gusto do ‘zafarrancho’ de combate político, e daquela vivíamos nel”.
    En comparación con aqueles anos, Tareixa opina que hoxe “valórase moi pouco o traballo na oposición, hai pouca cultura de consenso e de escoitar, a pesares de que en Europa é o contrario, e mesmo en Suíza é obrigado acordar Goberno multicor”, sinala lembrando que parte da súa infancia pasouna no país helvético.

 

  • En 2016 decidiu aplicarse “auto rexeneración democrática” e dar “paso a outros” porque cando se leva “máis de 10 anos facendo o mesmo, ou es moi creativa, ou tes moita moita ilusión ou comezas a repetirte e iso non aporta nada”, reflexiona.

 

  • En agosto de 2016 cesou un venres como deputada autonómica e ao luns seguinte retomou o seu traballo no Servizo de Notificacións do Xulgado de Ourense e, segundo di, en principio non pensa en volver a política pública e activa.

 

  • Tamén colaborou, colabora e asesora en proxectos  no eido da igualdade, no que opina que “as mulleres non avanzamos tanto como parece e queda moito por facer”.

 

-Para as fotografías escolleu lugares vencellados coa súa aldea ou coa súa nenez en Barbadás.-

 

-Documento actualizado-

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1728678669

SINGLE.1728678669