07/07/2021
A vida de Diego Félix transcorre entre motores
Emprendemento en Barbadás
- Diego Félix é veciño da Valenzá dende hai 10 anos e a súa vida transcorre entre a furgoneta de reparto de paquetería e o seu Suzuki Swift Sport co que adestra e compite nas probas da Copa Suzuki dende 2017
- “Cando teño carreiras busco unha persoa que me substitúa no traballo para os 5 días que paso en cada circuíto e fago deporte a diario, normalmente nas beiras do río Barbadás”, detalla… e do volante da súa furgoneta de reparto pasa ó volante do seu coche de carreiras.
- En 2020 a Copa Suzuki quedou mermada a 4 probas polos motivos sanitarios que afectaron a tódolos eidos en todo o mundo, pero neste 2021 retomou a actividade habitual, polo momento, e Diego proclamouse gañador na de Castelo Branco (Portugal )
- Na proba anterior, a de Serra Morena, levou como co-pilota a Raquel Rodríguez Trillans que non puido acudir a de Portugal, onde o co-piloto foi Javier del Riego
- Diego quixo ser piloto dende que sacou o carné de conducir e viu unha carreira de coches. Nela decatouse de que quería ir dentro deses coches, e non xogar ó fútbol. Compite dende hai 20 anos, dende que debutou no rallye de Ourense.
- “En 2001 entroume a tolemia e merquei un Peugeot 205 para rallye, que era o único que me podía permitir, e a partires de aí os amigos eran todos do mundo do motor”, lembra.
Leva a imaxe de Barbadás nas probas
- A súa participación nas carreiras é posible, segundo explica, polo apoio económico de empresarios, amigos, os premios económicos da propia copa para os que se clasifican entre os dez primeiros de cada proba… e o seu desembolso persoal. Participar en cada carreira pode supoñer un custo de 3.500-4000 euros, dos que 600 poden ser só para inscribirse.
- “O ideal sería contar con apoio privado e público, porque os deportes de motor moven moita afección e eventos como o rallye de Ourense, por exemplo, levan a 15.000 persoas até os diferentes tramos”, relata.
- Cada carreira ten difusión en medios especializados como Cronomotor , AutoHebdoSport , espazos na prensa local, programas televisivos ou a canle Rallyes.net , que tódalas persoas seguen durante todo o ano.
- Diego comezou a levar neste ano 2021, parte do seu capó cuberto por un multicor “Concello de Barbadás, Quéreo, Víveo” para dar difusión o lugar no que vive, e espera que o apoio económico poida chegar tamén, tralas conversas mantidas sobre ese tema.
A polo Rallye de Ourense…nuns días
- Todo está listo agora na Escudaría Ourense para a súa participación no 54 Rallye de Ourense , no que tamén se disputa a Copa Suzuki que el mesmo gañou na edición de 2020.
- “Os tramos serán na terceira fin de semana de xullo e eu adestrarei o mércores e xoves antes, os días 14 e 15.”
- Despois, quen queira seguir a este piloto da Valenzá, poderá facelo segundo o calendario previsto pola Copa Suzuki , nas probas de Ferrol, Catalunya, Alto Támega e Madrid ( xa foron os Rallyes de Sierra Morena, Rías Baixas e Castelo Branco).
- Moita sorte veciño!!!