01/09/2025

“A vulnerabilidade é a chave para entender o meu poemario”

Alexandra Morán

Coñecemos a Alexandra Morán, nacida en Barbadás e autora do poemario “Bálsamo emocional”. A nosa veciña, de 23 anos, achéganos á súa obra poética e ao seu mundo creativo.

Bálsamo emocionalComo xorde “Bálsamo emocional”? É o teu primeiro poemario?

Xorde da necesidade de deixar pegada, de levar ao exterior algo que sempre foi meu. Como unha forma de demostrar que eu tamén estou aquí, que tamén son capaz de levar a miña creatividade e as miñas emocións a un lugar onde teñan voz. Darlle validez tamén a sensacións e pensamentos non tan agradables e mesturalos con aquilo que cremos que é o ‘esperado’, obtendo como resultado a sensación agridoce que é a vida. Levo 3 anos vivindo en Coruña, e unha das miñas compañeiras de piso e mellores amigas, Sara Luna, foron unha das miñas maiores inspiracións para este libro. Nunca convivira cunha persoa tan creativa como ela, é coma se na súa cabeza gardase a resposta a todo; fíxome ver que eu tamén vallo, e tamén podo levar aquilo que murmulla na miña cabeza cara a fóra de forma creativa.

Si, é o meu primeiro poemario no sentido de preparalo e publicalo. Sempre me gustou escribir de forma privada, aínda que nunca antes pensara en publicar nada diso.

Cales son as historias, emocións, ideas que contas no libro?

A vulnerabilidade é a chave para entender o meu poemario. Non hai unha soa historia lineal no libro, simplemente recordos de emocións e sensacións que se entrelazan coa necesidade de reconstruírse. Quería reflectir a contradición entre o que doe e o que, á súa vez, sa, todo moi visual e sensorial: as caricias, a ausencia, a espera, a rabia e a entrega. Crees que a poesía permite expresar emocións e sentimentos que a narrativa non pode? Se, totalmente. Na miña opinión a poesía é mais visceral. Non necesita xustificación nin argumentación: pode ser fragmentaria, ambigua e contraditoria e aínda así poderá transmitir sensacións moi profundas. A narrativa necesita desa lóxica que a poesía non, porque esta nace da emoción pura. É por iso que escollín a poesía para expresar os meus sentimentos, necesitaba esa liberdade emocional.

Cantas horas de traballo hai detrás do poemario? Reliches e revisaches moitas veces ou che deixaches levar pola intuición?

No que respecta a a creación do poemario talvez unha semana. Como mencionei anteriormente, levo escribindo desde hai moitos anos, e Bálsamo Emocional é unha recompilación desas pequenas obras que fun creando ao longo da miña vida. Para o meu foi esencial a opinión externa, que sensacións evocaban os meus poemas. Unha vez estaban escritos xa estaban completos, porque para o meu xa eran “algo”. Pero a verdadeira revisión chegaba cando persoas da miña contorna líaos. Esa mirada externa axudábame a ver mais alá do que xa creara.

Os lectores pódense sentir identificados?

Creo que si, porque a pesar de que falo de vivencias persoais, sinto que as emocións que descansan entre os versos son experiencias universais: o abandono, a ansiedade, o desexo, a culpa, a necesidade de ser entendida. Quero pensar que moitas mulleres poden sentirse representadas, sobre todo coa parte de cargar cun peso emocional propio e alleo.

Pensas xa na posibilidade de escribir outro libro?

Encantaríame, aínda que é unha posibilidade que considero a longo prazo. Para min escribir é algo esporádico, cando mo pide o corpo. Son incapaz de forzalo.

Cando descubriches a poesía? Foi amor a primeira vista?

Foi unha vía de escape. Unha opción, un novo camiño. Darlle voz a emocións tan profundas e arraigadas era unha posibilidade que non vía tan clara naqueles momentos.

Escribes todos os días?

Trato de levar a escritura comigo sempre que podo, non trato de que sexa perfecta, pero si que senta miña. Como compaxinas a escritura co día a día cos estudos? Depende de para que a necesite. En ocasións é unha prioridade, xa que me axuda a desatar dúbidas e a resolver problemas internos. Noutros momentos é un “hobby”, para acougar a mente e enriquecela.

Quen son os teus referentes na poesía?

Isto é algo que mesmo menciono no meu libro. Alejandra Pizarnik e Idea Vilariño. De Alejandra Pizarnik móveme a súa forma de nomear a dor con tanta crueza e beleza, sen medo. De Vilariño admiro se forma tan directa de falar sobre o amor, sen ornamentos innecesarios.

Cres que a xente non se achega á poesía por prexuízo?

Desde logo que si. Creo que hai unha idea moi xeneralizada sobre como a poesía é un xero para intelectuais, que hai unha forma “correcta” de entendela, e para min é todo o contrario. A miña poesía é miña ata que a leo nun papel, desde ese momento entón é de quen a lea; se o meu poema sobre a dor e o abandono sente teu entón É teu, interpréteo como o interprete aquel que o lea. Creo que se forza un entendemento lóxico de algo movido pola emoción e iso leva á frustración. A poesía sente e logo enténdese. É o corpo o que capta o poema antes que a mente, porque o que les atravésache emocionalmente, e é desde esa emoción que comezas a comprendelo.

Un poemario ao que sempre volvas.

“Diarios” de Alejandra Pizarnik. Sempre. Tamén “Aconsejo beber hilo” de Gloria Fortes.

Noticias

CONTENT.1770881798

SINGLE.1770881798