17/03/2022
Acollida temporal de persoas refuxadas de Ucraína en Barbadás
O CONCELLO DE BARBADÁS PROMOVE UNHA REUNIÓN PARA ESTABLECER UNHA INICIATIVA DE SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL PARA A RECEPCIÓN DE REFUXIADAS/OS DE UCRAÍNA
A comunidade relixiosa que ten instalacións en Sobrado do Bisco, Cruz Vermella e Concello de Barbadás colaborarán para a recepción e acollida de persoas ucraínas
- Cruz Vermella, as “Esclavas de la Santísima Eucaristía y de la Madre de Dios” e o Concello de Barbadás iniciaron hoxe 17 de marzo conversas para establecer un sistema de acollida de refuxiados/as procedentes de Ucraína.
- O presidente de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, e a coordinadora provincial de Cruz Vermella, Marisa Lopez Caseiro, explicaron na reunión mantida esta mañá con representantes da comunidade relixiosa e do Concello que están á espera de que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, autorice este tipo de acollidas de un xeito formal.
- Ferreiro destacou a importancia de levar a cabo o acollemento de unha forma organizada para que as persoas procedentes de Ucraína entren no sistema.
- Sor Irene Labraga, da comunidade relixiosa “Esclavas de la Santísima Eucaristía y de la Madre de Dios”, anticipou que “estamos dispuestas a acoger en nuestras instalaciones de Sobrado a personas refugiadas”.
- Dende a comunidade de relixiosas expricouse na reunión que as instalacións están preparadas para ser utilizadas. Sor Irene enumerou as estancias das instalacións: varias habitacións de 1-2 camas, zona de internado con liteiras, espazos de horta, cancha deportiva, estancias lúdicas e de estar, cociña industrial comunitaria, comedor, etc.
- Este xesto de solidariedade foi acollido tanto por Cruz Vermella como polas/os respresentantes municipais de un xeito positivo, abríndose unha vía de diálogo entre as tres partes para contar con unha oferta de máis de 35 camas e lugares nesta estancia que a comunidade relixiosa ten en Sobrado.
- Por parte de o Concello de Barbadás estiveron nesta primeira toma de contacto a tenente alcalde, Victoria Morenza, a concelleira de Servizos Sociais, Elisabet González Nistal, a concelleira de Educación e Cultura, Marga Pérez, e o concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Rafael Sierra.
- Cruz Vermella de Ourense, ante a ausencia de sede social por parte de Accem, ong encargada de tramitar no territorio español o dereito de asilo, será a encargada da tramitación ante o Ministerio de Inclusión Social da oferta de espazo que confirmou a comunidade relixiosa que ten as instalacións en Sobrado.
- Dende Cruz Vermella faráselles chegar a proposta que se puxo de manifesto esta mañá, máis de 35 prazas para persoas refuxiadas procedentes de Ucraína, ao Ministerio de Inclusión Social.
- Esta iniciativa ten unha perspectiva a medio prazo que pode oscilar entre os 6 meses e 1 ano e medio ao tratarse de unha acollida de carácter temporal.
- Dende o Concello de Barbadás, que actuou como promotor e intermediario nesta iniciativa de solidariedade internacional, anticiparon que colaborarán prestando un apoio loxístico e de posta a disposición dos servizos municipais para a integración das persoas refuxadas na sociedade local.
- Dende Cruz Vermella priorízanse este tipo de acollementos temporais por abranguer a un maior número de persoas.
- Na reunión estivo tamén Bego Díaz, da fundación da comunidade relixiosa, que ten experiencia en iniciativas similiares de acollemento no territorio nacional. Dende a comunidade das “Esclavas da Santísima Eucaristía” amosaron a súa disposición a colaborar coa presenza de 3 hermanas nas instalacións como reforzo e apoio ás persoas refuxadas.
- Unha vez que o Ministerio de inclusión inclúa a proposta que se podería levar a cabo en Barbadás, definiranse as aportacións das tres partes que se sumaron a esta colaboración de apoio internacional.