29/09/2022
Acordo a tres partes, hoxe ampliado, valeu para acoller 40 persoas, fuxidas de Ucraína, en Sobrado do Bispo
O noso concello fíxose cargo das reformas precisas na contorna e nas instalacións de acollida, o Pazo de Mitra en Sobrado do Bispo
Un acordo entre Cruz Vermella, concello de Barbadás e a congregación relixiosa “Esclavas de la Santa Eucaristía” , fixo posible a instalación no antigo Pazo da Mitra (Sobrado do Bispo) dun grupo de arredor de 40 persoas procedentes de Ucraína dende o mes de xullo, o que supuxo a primeira “acollida de emerxencia” para a ONG en Ourense.
- A coordinadora provincial de Cruz Vermella en Ourense, María Visitación López Casero (“Marisa”) e a responsable de Comunicación, Ángeles Ramallo, explicáronnos o reto que supuso esta actuación, resultado dun traballo “moi organizado tendo en conta que estamos na periferia e, polo tanto, non fomos os primeiros en actuar na crise de refuxiados xurdida polo conflito ruso”, sinala Marisa.
- En toda Galicia, Cruz Vermella interveu na acollida de máis de 750 persoas “con apoio a todas as entidades que o pediron en Maceda, Baños de Molgas, nas instalacións do Seminario de Ourense, con Adif…”, lembra Marisa.
- Segundo datos de agosto, máis de 7 millóns de ucraínos fuxiron do seu país dende o inicio da guerra ruso-ucraína, e deles, segundo Marisa, preto de mil foron chegando a Galicia dende abril. No caso de Ourense, os primeiros foron instalados en hoteis como o do Cumial, de onde foron trasladados a outros lugares como Baños de Molgas.
Cooperación para acollida de emerxencia
- Ángeles lembra que o Concello de Barbadás ofreceu a súa colaboración despois de falar coa congregación relixiosa, para dispoñer do seu edificio en Sobrado do Bispo, que antes fora colexio e internado, no histórico Pazo da Mitra.
“Entrevistámonos coas partes implicadas e vimos unha oportunidade que se fixo realidade tralas pertinentes consultas cos responsables da Cruz Vermella e do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións”, relata Marisa.
“Nós asumimos a xestión, a congregación puxo as instalacións e o concello fíxose cargo das reformas precisas na contorna e nas instalación. Cando houbo unha redistribución dos refuxiados acollidos no albergue de Barcelona, puidemos asumir por primeira vez esta actuación de acollida de emerxencia” detalla a coordinadora.
- Así, o 12 de xullo chegaron a Sobrado do Bispo unhas 40 persoas entre mulleres adultas, mozos e mozas e uns 16 nenos e nenas, aparte de algún home adulto.
- No proceso que seguiu, na fase de instalación dos recén chegados e coñecemento da súa contorna, Cruz Vermella foi entrevistando a cada familia para coñecer as súas expectativas e para explicarlles os seus dereitos e opcións.
“A metade deles tiñan familia ou coñecidos xa por Galicia así que, o seu destino final podería estar noutro lugar”, engade Marisa.
- Para os que deciden quedar, hai apoio para escolarizar a nenos e nenas, o posible asentamento a través do empadroamento, asistencia sanitaria (algunhas familias traen documentación sanitaria, outras non).
- Nesta fase de acollida de emerxencia, os refuxiados contan cun equipo profesional integrado por unha persoa educadora social, unha traballadora social, gobernanta, integradora social e 4 subalternas.
- Se hai familias que deciden deixar prazas libres, estas son para outras persoas acollidas, como xa sucedeu a finais de agosto, procedentes tamén de Barcelona.
Despois acollida temporal
- Na seguinte fase, as persoas refuxiadas con opcións laborais contarán con apoio para comezar a traballar “coa idea de que poidan sentirse útiles e integrarse. Nótase que teñen gañas polo interese en aprender castelán nas clases coas que contan dende o principio”, engade Marisa.
- Os máis rápidos foron os nenos e nenas, que durante este verán cheo de ondas de calor, descubriron as piscinas nas súas exploracións e foron a elas con frecuencia.
- Ángeles tenta resumir o estado persoal dos que forman parte deste grupo de refuxiados lembrando o que contan as mulleres que están nel: “elas veñen para protexer aos seus fillos, senón quedarían alá, con irmáns, pais e maridos para defender o seu, así que viven en continua tensión pendentes do que teñen aquí, e do que pasa alá”.
Colexios e veciños apoian, agora compren empresarios
- Nunca antes se fixera estoutra “acollida de emerxencia” pero os organismos que habitualmente se encargaban , víronse rebordados nesta ocasión.
- Tanto na fase inicial de acollida de emerxencia como na seguinte de acollida temporal (na que Cruz Vermella de Ourense traballa dende 2016), o proceso precisa de todo tipo de apoio e colaboración. “Cando chegan, algunhas persoas non traen nada ou case que nada, e sempre compre o máis básico como roupa, zapatos, aínda que eles non reclaman nada. Pola contra, o seu talante é de agradecemento”, índica Marisa.
- Este tipo de procesos, destaca, son “unha oportunidade para aprender por todas as partes implicadas, porque a diversidade é riqueza, e o ideal é que poidan integrarse neste entorno privilexiado aínda que conseguir traballo por aquí preto, no rural ou non, poida parecer complicado Algo que coa colaboración de empresarios, veciños… podería lograrse”.
- Nese sentido, a coordinadora provincial da ONG lembra que xa hai voluntarios, e os colexios de Barbadás traballaron e aportaron todo o preciso para que 11 nenos e nenas en idade escolar puideran recuperar os seus estudos hai un mes.
- “Agora compre o apoio das empresarias e empresarios locais, porque o mellor sería que as persoas adultas atopen traballo nesta mesma contorna, e teñen moito interese e preparación para formar parte do tecido laboral, sen problema”, engade Marisa.