27/02/2020
Actuación DABOAPIPA co espectáculo Lavandeiras
O venres 6 de Marzo ás 20h., no Auditorio Manuel María de Barbadás, actuación do Grupo DABOAPIPA co espectáculo “Lavandeiras” dentro da Programación do 8M Día Internacional da Muller.
Sinopse:
Lavandeiras é un espectáculo onde a narración oral se mestura coa música ao vivo e o teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron. É tanto o que rodea á figura da lavandeira que teríamos para incontables horas de fala e canto, daría para namorar lavando, máis eliximos centrarnos na consideración histórica e social da muller coa finalidade de poñer en labor a súa figura como fundamental sostén económico non só na casa senón tamén co traballo profesional non recoñecido que tantas xeracións de galegas fan e fixeron ao longo da nosa historia.
Pasando de camiño polo folclore, polo humor, polas historias reais e polo cancioneiro popular Vero Rilo achéganos un espectáculo cheo de emoción acompañado por Carlos Quintá no apartado musical.
Fresca coma a auga. Limpa coma as sabas ao clareo. Con música ao vivo, coma vivo é o cantar das lavandeiras.
Espectáculo recomendado a partir dos 14 anos en adiante.
Entrada con Invitación ata completar aforo (Recollida na Casa da Cultura)
Organiza: CIM (Centro de Información á Muller) de Barbadás.
Colabora: Concellaría de Cultura de Barbadás.