16/10/2022
Alba Calpurnia Gil Blanco ilustra e fai arte dende A Valenzá, a cabalo entre Ourense, Barbadás e Toén
Emprendemento en Barbadás

Alba Calpurnia Gil Blanco vive na Valenzá, e arredor seu abrollan historias, lendas contadas e documentadas en Barbadás, en Ourense, en Toén…
- Comezamos por debullalas: seu pai escolleu Calpurnia para que fora seu segundo nome pola primeira cidadá que se coñece de orixe galaico con nome romano. O nome de “Calpurnia Abana Aevoso” quedou como mostra da ofrenda que esa muller fixo ás ninfas das augas termais de Ourense, suponse que en troques de sanación. Esa ofrenda é un “ara” atopada co nome da muller preto das Burgas.
- Seu pai, Antón Gil Seijo, vive agora no concello de Toén, onde segue a súa afección a temas históricos e onde atopou os petroglifos da Portela de Lameiras. Ademais é co-fundador da Asociación Amigos do Patrimonio de Toén que con veciños e colectivos culturais de Barbadás da pulo á publicación “Terras de Louredo” que sairá á luz en breve, esperemos. Alba ten o encargo de ilustrar as lendas dese territorio histórico para a publicación.
- O seu segundo nome, Calpurnia, é o que utiliza como identidade “artística” dende que estudou Belas Artes en Pontevedra. Rematou estudos universitarios cun proxecto de fotografías de literatos, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e dende alí marchou a Australia.
“Fun para facelo posgrao de Deseño de Marketing e mellorar o inglés. Volvín á Valenzá pensando xa en marchar de novo, pero pilloume a pandemia e reorganicei prioridades”, explica.

Quere traballar en Kalandraka
- Agora estuda na Escola de Arte e Deseño “Antón Faílde” (esa que leva o nome do escultor de Godexás, “barrio” de San Lourenzo de Piñor), pois pareceulle que ese era o mellor xeito de xuntar todo o que máis lle gusta: o mundo editorial con plástica e arte.
- Xa ilustrou algún texto, editou carteis entre outros encargos, e di ter poucas “esperanzas laborais” no eido editorial , así que pensa en ter traballo de empresas que precisen cartelería ou todo aquilo que lle permita mesturar ilustración e deseño.
“Encantaríame traballar na editorial pontevedresa Kalandraka polo menos para facer as prácticas, porque o que fan non son libros de lectura, senón libros cun estilo propio, moi seu”, detalla.
- E mentres ese momento vai chegando, ilustra tendo como fondo películas como “Little miss Sunshine” que xa viu 20 veces e lle facilita inspiración, ao que tamén axuda a tendencia repousada herdada da súa nai, segundo conta Alba.
- Algunha das súas obras pode verse nas redes sociais: “Hai un ano comecei a crear arredor das deformacións do corpo, e fíxenme fotos a min mesma estirándome a pel para editalas despois” , relata cunha desas láminas azuis na man.
“Agora estou cun xogo de cartas baseado no “xogo da escoba” con baralla propia na que non haxa que descartar cartas como ocorre na baralla clásica de Fournier.“

Inspiración para Calpurnia
- Entre as súas referencias inspiradoras está a película de animación como “O segredo do libro de Kells” , os traballos do ilustrador coruñés Alberto Vázquez como “Psiconautas, los niños olvidados” e “Sangue de Unicornio”

Da acuarela ao dixital
- Alba asegura que nunca deixou de debuxar, tras comezar a facelo no colexio, “a pesares de que as clases dábanseme mal e aínda que agora melloro, non teño unha evolución sempre a mellor, estáncome ás veces”, confesa.
“Antes traballaba moitísimo con acuarela”, suliña, pero agora prefire facer bosquexos nun caderno e logo dixitalízaos para rematar o traballo.
- Neste eido, tamén ten como referentes a compañeir@s ilustradores como a ourensá Ángela Álvarez Paula e outros galegos.
- Entre os seus “soños laborais” tamén está a editorial “Astrágalo Studio” e, a súa utopía persoal, é “vivir cos meus dous gatos e co meu mozo nun bosque nun mundo sen guerra nuclear nin cambio climático”.
- Que os teus soños se cumpran, Alba Calpurnia.
