22/03/2018
Alumnos/as de 4º de primaria celebran o Día da Árbore
A actividade didáctica inclúe tamén unha charla de membros da asociación Amigos da Terra

- Alumnos/as de 4º curso de primaria dos colexios O Ruxidoiro e Filomena Dato participarán o 21 de marzo nunha actividade didáctica para promover a concienciación sobre a importancia dos bosques para a vida.
- Esta actividade enmárcase na celebración do “Día internacional dos Bosques”.
- Entre os obxectivos desta iniciativa figuran introducir a temática ambiental nas aulas a través de actividades participativas ou entender o papel importante que xogan os bosques na vida diaria.
- No programa de sensibilización do alumnado sobre a importancia da conservación dos bosques incídese sobre os problemas e perigos aos que se enfrentan as árbores, destacando que é fundamental a necesidade da súa protección.
- Outra das finalidades desta unidade didáctica é concienciar sobre o impacto negativo dos incendios, dar a coñecer as especies autóctonas da rexión e ensinar o traballo que se realiza dende a asociación Amigos da Terra.
- A actividade consistirá na repoboación con especies autóctonas na zona de Vilaescusa (Parque dos Patos e Parque do Tren): arces servais, castiñeiros, bidueiros e carballos.
- Os/as escolares desprazaranse ata a zona acompañados de membros de Protección Civil. No lugar efectivos da brigada de Medio Ambiente do Concello de Barbadás axudarán na plantación de 30 árbores.
- A unidade didáctica inclúe tamén unha charla informativa impartida por membros da Asociación Amigos da Terra sobre a experiencia destas persoas e farán un chamamento á participación de todos no coidado dos nosos montes.
- O Día da Árbore está organizado polas concellerías de Medio Ambiente e a de Educación e conta coa colaboración do Servizo de Montes da Xunta e a Asociación Amigos da Terra.