23/04/2025
Alumnos e docentes do Conservatorio Superior de Música de Vigo visitan o Museo da Gaita

- O grupo coñeceu a evolución histórica deste emblemático instrumento, así como a súa relevancia cultural en Galicia
Estudantes e docentes do Conservatorio Superior de Música de Vigo visitaron este martes o Museo da Gaita de Barbadás. A actividade, centrada na etnomusicoloxía e na música tradicional galega, permitiu aos participantes explorar a evolución histórica da gaita e a súa relevancia cultural en Galicia.
Durante a visita, os asistentes percorreron as distintas salas do Museo, que albergan unha colección de gaitas desde a Idade Media ata a actualidade. Tamén coñeceron o obradoiro do museo con ferramentas e materiais empregados na construción e mantemento do instrumento. Esta experiencia enriqueceu a formación práctica do alumnado, especialmente daqueles centrados en musicoloxía e música tradicional.
A visita ao Museo da Gaita enmárcase no compromiso do Conservatorio Superior de Música de Vigo por conectar a formación académica co patrimonio cultural galego.
Ampliación horario
O Museo da Gaita, único no seu tipo en Galicia, ampliou recentemente o seu horario para facilitar o acceso a visitantes e grupos educativos. Ofrece visitas guiadas e obradoiros que afondan na historia e construción da gaita, consolidándose como un referente na preservación da música tradicional galega.