22/12/2022
Ana Doval deseña e constrúe bolsos combinables na Valenzá con materiais reciclados chegados de toda España
Emprendemento en Barbadás
Da mestura de nai de Celanova, pai de Pereiro de Aguiar e ámbolos dous emigrados a Venezuela, veu dar unha familia retornada da que forma parte Ana Doval, asentada na Valenzá, despois de varias voltas polo mundo e de paso por Barcelona.
- Defínese como emprendedora e abriu unha franquicia de roupa, logo un bar en Ourense… e chegou o momento de decidirse por “sacarlle partido” a súa habilidade cas mans. “En Venezuela preparaba os meus bolsos a xogo cos zapatos, e forrándoos con teas diferentes e de aí pasei a facer un curso en Madrid de deseño de bolsos”.
- Problemas de saúde e un “coworking” en Celanova déronlle pulo e o 15 de outubro do ano da pandemia lanzou a súa marca “Ana Doval” de bolsos ecolóxicos.
“Neles meses tiña todo o tempo do mundo así que presenteime e saín en medios de comunicación locais e autonómicos como deseñadora e artesá de bolsos de materiais reciclados e/ou ecolóxicos, sobre todo sostibles, de boa calidade e de orixe vexetal, nada de orixe animal”, detalla.
- Os seus bolsos non son de pel, aínda que poidan parecelo. Son de cortiza procedente de Portugal, ou de teas fabricadas en Valencia e complementos de Alicante. Por riba, Ana confecciónaos en varias pezas separables de xeito que un bolso pode trocar con só desabotoar a solapa e abotoarlle unha doutra cor e textura, por exemplo.
Materiais reciclados de orixe vexetal
- “Foi moi difícil chegar a disponer dos materiais que quería, no comezo case non atendían o envío nin de tarifas, e en Galicia foi imposible polas medidas coas que se comercializa este tipo de materiais”, engade.
Agora o difícil para ela é escoller entre tantos materiais diferentes que lle amosan e está a darlle voltas a algúns novidosos.
- Lembra que a súa primeira colección foi “Nature” con 5 deseños diferentes e que as ventas comezaron en Estados Unidos e seguiron por Italia, Venezuela, Madrid, Murcia e en Ourense “para toda a familia”.
- As súas circunstancias persoais pasaron en 2020 por un ”momento de desastre”, marchou a Venezuela e o contactou cunha deseñadora que lle deu pulo para retomar o traballo. “Voltei para a Valenzá en xullo, montei o taller e comecei de novo a deseñar, cortar, coser… “, relata.
- Para atopar os seus bolsos hai que entrar en contacto con ela en Facebook , Instagram e Twitter . Tamén estarán a venda na tenda de Ourense Damajuana (Galerías Santo Domingo).
Nova colección sobre Galicia
- O taller de Ana, na Valenzá, é un espazo de creatividade no que traballa xa con ideas para novas coleccións.
Despois de “Nature” e “Ocean”, no verán do 2021 naceu “Geometría” con 6 modelos diferentes de bolsos fabricados con teas brancas que eran restos dunha fábrica de pantalóns de Ourense.
- Entre as ideas para o futuro que xa comezan a funcionar está a de personalizar bolsos para regalos de empresa, e anda a voltas “coa forma da concha dunha vieira para deseñar unha colección de primavera adicada a Galicia e ao Camiño de Santiago”, avanza.
- Os seus bolsos son fabricados un a un por ela mesma e seguirán a ser, na súa maioría, impermeables, resistentes e reutilizables cambiando algunhas pezas.
Ela encárgase de todos os detalles como as pequenas obras de arte de quita e pon que son os broches de peche das solapas, ou asas de diferentes tamaños que poden intercambiarse para levar un mesmo bolso collido coa man, no brazo, ou cruzado en bandolera.
- Gústalle subliñar que os seus bolsos, diante de todo, son de gran calidade tanto nos materiais como na confección.
- Moita sorte na nova colección!! Agardamos saber pronto o nome.