19/12/2021

Ana Valado creou a súa marca amodo, e agora axuda a “destaponar potenciais” de outros

Emprendemento en Barbadás

Ana Valado. A Valenzá,16/12/21.
  • A nai de Ana Valado contoulle que cando ela era pequena estaba moi preocupada porque tardou moito en comezar a falar… e mira ti que en canto arrincou cos primeiros sons ninguén foi quen de parala.

 

  • “Esa situación represéntame totalmente e lembro tamén cando protagonicei unha representación teatral no meu colexio en Santiago de Compostela, eses dous episodios foron nos meus comezos para chegar até a unión que sinto coas persoas e co reto da comunicación”, relata Ana.

 

  • A obra teatral era “A tía lambida” de Eduardo Blanco Amor e supuxo para Ana un paso cara adiante, de feito, Ana quixo que lle fixeramos unha das fotografías deste artigo no escenario de A Valenzá, e podería levar o título de “a marca Ana Valado naceu nun teatro”, ela concorda.

 

  • Naceu como veciña do Fonsillón, e despois da súa etapa en Santiago de Compostela, volveu a Barbadás. Estudou Economía, Administración de Empresas (ADE), un maestrado de Técnica de Prevención de Riscos e o certificado do “Máster Bussines Analitics” (MBA).

 

  • O seu foco, segundo nos explica, sempre foi o eido psicosocial e finalmente conseguiu unir todo o que aprendera cunha posterior formación en dirección de persoas. Por fin deu co que máis lle gusta facer que é “xerar valor nas persoas despois dun proceso de posta en valor persoal tendo en conta as emocións e todas as súas capacidades e habilidades”, relata.

 

  • No seu caso persoal, o proceso de marca comezou cando aceptou que ao longo da súa vida, ela que é Ana Belén Fernández Valado foi “Ana Valado” , para todas as persoas que trataron con ela. “O nome da miña marca estaba aí e entendín que tiña que respectalo porque así é como os demais me ven ”.

 

  • A súa seguinte fase, a actual, é “potenciar este plan de creación de marca para pemes (pequenas e medianas empresas) e para persoas, porque detrás de cada negocio o que hai é persoas”, así ten activos o seu “Plan Pemes” e o seu plan “Marcas de Persoas”, e nese marco imparte formación para que outros comecen ese proceso, como a do pasado mes de novembro no local municipal do parque da Solaina.

 

  • Nas súas sesións formativas cada participante “pode descubrir que ten que ser a súa propia marca e facela medrar a base de proba-erro para que poida ser base das relacións persoais e laborais”.

 

  • No marco do Colexio Profesional de Economistas de España leva un ano no equipo directivo de Marketing. Coa súa Marca Valado  implementa no colectivo os seus plans Marcas de Persoas, Plan para Pemes e Micropemes e Plan para Empresas, e sempre coa idea central de “poñer en valor para que quede pegada da túa marca”, detalla.

 

  • Gústalle definir o seu traballo como “destaponar o potencial de cada persoa para que saia e se faga visible para os demais, trátase de dar luz a ese potencial que estaba oculto”.
Ana Valado. A Valenzá,16/12/21. foto Rosa Veiga
Ana Valado. A Valenzá,16/12/21. foto Rosa Veiga

Fotografía para comunicarse máis

  • Ana tamén se autoforma e “medra” coa fotografía . “Con ela falo das persoas e con elas, eu fago as fotos, que tamén falan de min, claro, pero o que máis me interesa é saber que ven os demais cando as miran e que mo conten”.

 

  • Nese eido, expuxo a serie fotográfica titulada “4 pesetas” no local Mur Marxinal arredor do espazo interior da vella casa de Baños de Ourense e a partires da lembranza dunha visita que fixera de pequena a ese mesmo lugar, con parte da súa familia.

 

  • “Esa exposición arredor da casa de baños do arquitecto Vázquez Gulías, foi medrando coas emocións e sensacións que alí me transmitiron as persoas que a viron e gustaríame que elas medraran tamén nese encontro”.

 

  • A exposición será itinerante dende xa e en xaneiro irá a unha pequena sala de exposicións do estudo de arquitectura Doos Arte, na Torre de Ourense  e avisaremos da súa chegada a Barbadás.
    Ana Valado. A Valenzá,16/12/21. foto Rosa Veiga
    Ana Valado. A Valenzá,16/12/21. foto Rosa Veiga

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1711703610

SINGLE.1711703610