29/10/2021
Andrés atopou na Valenzá o lugar para conciliar familia e empresa de márketing
Emprendemento en Barbadás

- Andrés López Fernández é un emprendedor e empresario asentado en Barbadás, natural de Verín e con estudos rematados en Ourense, cidade que lle parece “fantástica” para a vida de parellas sen fillos. “Cando comezamos a ampliar a familia buscamos e atopamos o noso lugar na Valenzá, onde hai moitos parques, colexios novos, natureza ben preto e beirarrúas moi anchas e cómodas, entre outras cousas moi prácticas para cando tes pequen@s”.
- Tras rematalo grao universitario de Administración de Empresas (ADE) e posterior mestrado, fíxose empresario por vocación e dende que comezou en xaneiro de 2017, é un “teletraballador” que deseña estratexias de márketing e que ten o teléfono móbil como principal ferramenta de traballo e internet como ecosistema laboral.
- Dende o principio deu pulo á empresa Kuatro Márketing con compañeiros de estudos como Adrián Santos e Miguel Madriñán e co tempo foron engadíndose colaboradores para crear un equipo multitarefa no que tamén están Silvia e Iván Meno, entre outros.
- O nome da empresa débese o que se consideran, na teoría do márketing, os catro “P”: Produto, Prezo, Punto de Venta e Promoción, e Andrés falta tamén dun quinto “P”, o de “Persoa”, que fai de elemento diferenciador para quen o ten en conta.
- “O que mellor se nos da é enfocar unha estratexia co punto de vista do cliente, comprender e asumir a súa preocupación de ser visible e solucionarlle o como”, desvela Andrés.
- “O que máis ilusión me fai traballar con unha empresa dende que nace e ir medrando con ela, e ir vendo como as necesidades varían en calquera sector”, explica.

A empresa medra cos clientes
- Cando comezou, facer unha web era o máis demandado pero agora “as necesidades van derivando cara as solucións para contidos, xestión de redes sociais, formación e ferramentas de xestión, é dicir, agora todo se enfoca máis no social que no técnico”, detalla.
- Os que precisaban web, quixeron despois tenda en liña e “agora necesitan mellorar a súa interacción social e publicar un contido diferenciador e de calidade”, agrega.
- As redes sociais evolucionan tamén continuamente e facilitan, a profesionais como Andrés, o traballo diario nas propias redes sociais. Hai eivas nelas, e en Kuatro Marketing botan de menos, por exemplo, que Instagram permita programar a publicación das súas Historias.
- Con algo máis de 5 anos de experiencia, Kuatro Márketing xa pode contar que desenvolveu plans de márketing e colaboracións en comunicación para empresas dos sectores da moda, construción e reformas, comercio local, servizos sanitarios privados, turismo rural no Camiño de Santiago, hostalería e restauración, industria, organización de eventos, e algún outro.
- Traballar dende Barbadás non é problema para ter clientes en calquera lugar. Está a 50 minutos de Vigo, de Santiago de Compostela e a moito menos de Ourense ou do Parque Tecnolóxico de Galicia. Na contorna máis próxima traballa o márketing das tendas Jesús de Ourense , do restaurante Cova do Savio da Valenzá …
- A empresa deseñou o márketing dunha guía privada de turismo e eventos en Mallorca, o de unha empresa de construción de Lleida, o da empresa de servizos “vip” Akuna de dous emprendedores da Merca en Ibiza.
Máis vídeos e creatividade
- Actualmente o traballo de márketing inclúe cada vez máis, a gravación e edición de vídeos, pois acadan maior rendemento “por clique”.
- Para Andrés a preocupación é “atopala creatividade para amosar cada vez máis en menos tempo, hai que ser máis creativo e aumentala capacidade de empatía e para iso hai diferentes fórmulas que hai que poñer a proba continuamente porque o que vale para uns non sirve para outros”, explica.
- Lembra que entre os seus maiores retos estivo a empresa MRF (Mecanizados Rodríguez Fernández ) con mercado en toda Europa, e entre os que lle gustaría afrontar está o da formación: compartir coñecementos con estudantes, como fixo xa nalgunha ocasión no centro de FP “Portovello” de Ourense.
- E xa comparte algún: recomenda a ferramenta de Google Analytics, ou o uso de calquera xestor de redes que permita programar as publicacións, e lembra a importancia de “segmentar” os posibles clientes nunha promoción, e o difícil que é cando hai moita competencia no sector da empresa que quere darse a ver.
