07/01/2022
Ángeles chegou á Valenzá como formadora e quedouse como deseñadora de mobles “Melangué”
Emprendemento en Barbadás
- Ángeles Romero Vázquez chegou A Valenzá en marzo de 2021 para impartir unha formación laboral para adultos, encargada polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, no que era a súa adicación principal.
- “Coñecía A Valenzá de vir tomar algo con amigos e amigas pero nesa ocasión, antes e despois das clases, comecei a fixarme na rutina do barrio e acabei por mercar aquí todo o que preciso e por sentarme nun banco para observar ás persoas que se movían por cada zona”, detalla con risos.
- Descubriu un par de locais baleiros e en aluguer, con escaparate grande, e estudou o tránsito de veciños e veciñas por eles, até que se decantou polo actual.
- “Decidín abrir a tenda para ver a posibilidade de converter en ocupación algo que sempre me encantou, que é a decoración de espazos e o deseño de mobles para facer máis habitable e funcional calquera espazo”, explica.
- A familia do seu cuñado ten unha carpintería en Arnoia, con experiencia no sector dende hai 4 xeracións, e puxeron en marcha a finais de 2019 a liña “Utile” de mobles de madeira maciza en piñeiro galego, abeto, castiñeiro, carballo e outras. Na pandemia comezaron coa venda en liña e o nome “Utile” pasou a ser o da tenda que abriu Ángeles hai agora 7 meses, na Valenzá. Pero iso cambiará en poucas semanas, porque tamén foi trocando o seu xeito de traballar.
A mestura será o diferente en “Melangué”
- Nos meses transcorridos dende a apertura da tenda Ángeles descubriu que o que precisan os seus clientes son proxectos completos con mobles e elementos deseñados especificamente para que se adapten a cada espazo, a medida, e para facelo o máis funcional posible.
- “Sempre deseñei cousas prácticas para a miña casa, para a da miña familia e para a de amigos e amigas, e agora vexo que isto é o que precisan moitas persoas da Valenzá, así que estou a trocar a idea Utile, ca que abrín e que non é a que funciona aquí, por outra chamada “Melangué” … e xa ten os novos rótulos encargados.
- A idea de “Melangué” procede do francés “melangé” que alude á mestura e combinación de elementos diferentes. E Ángeles sempre aplicou ese concepto no seu entorno, tamén na actividade como formadora. Os escaparates de súa tenda son cambiantes e combinan espellos, estantes, mesas, cadeiras, adornos orixinais… e crean espazos diferentes cada pouco tempo.
- Xa leva semanas traballando coas súas propias ideas, pero co cambio de nome ese xeito de traballar pasará a selo principal: deseñará mobles e elementos funcionais, feitos na carpintería familiar, e combinados cos de provedores de calquera lugar do mundo. “Visito a casa na que queren facer cambios ou reformas, deseño e busco para atopar a mellor relación calidade-prezo en todo aquilo que aquí non podemos facer”, engade.
- Os seus proxectos son para facer “eses cambios que se precisan para darlle nova vida a un salón, por exemplo” ou para “aproveitar o máximo unha habitación xuvenil mesturando de xeito funcional unha cama-tren (dúas camas colocada unha por riba da outra, como liteiras, pero solapadas só en parte) con estantes e mesa de traballo”… e agora iso é o que fai.
… E liñas propias como futuro inmediato
- Entre as súas propostas, estarán tamén liñas propias de mobles, como a dirixida ás habitacións d@s pequen@s da casa. “A miña primeira proposta completa será unha liña de mobles Montessori, con deseños propios de camas, cabeceiros, mesiñas auxiliares… que resulten divertidos e accesibles para @s escolares”.
- Nesa liña está xa a experimentar con materiais atractivos, como os taboleiros de madeira OSB combinados con outros materiais (na primeira foto un exemplo da súa investigación).
- E deseñando e formándose ela mesma no eido dos mobles, Ángeles rematará o seu segundo ano na Valenzá…
- Moita sorte para o segundo ano e seguintes!!