25/09/2025

Arrancan as obras de mellora da pista que une Parada co santuario senlleiro de San Bieito de Cova de Lobo

Obras San Bieito

O Concello de Barbadás vén de iniciar as obras de rehabilitación do firme da pista que une Parada co santuario de San Bieito de Cova de Lobo. A intervención, adxudicada por 75.340,65 euros a Excavaciones P. Prol, forma parte da segunda fase de mellora da conexión de dous puntos neurálxicos de atracción turística en Barbadás como son o santuario de San Bieito e o Tangaraño. Na primeira fase, tamén executada polo actual goberno municipal, rehabilitouse a pista que une Piñor con San Bieito. 

“San Bieito de Cova de Lobo é un dos santuarios senlleiros da provincia e por suposto, de Barbadás. Son moitos os crentes e veciños e veciñas que o visitan, especialmente na novena”, recorda o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. A intervención realizarase nun treito de aproximadamente 2 kilómetros de lonxitude, onde se rehabilitará o firme. “A obra inclúe a dotación dunha capa asfáltica, a mellora e ampliación do vial e a limpieza de maleza co obxectivo de mellorar a accesibilidade e seguridade vial”, detalla Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras. Ademais, reforzarase o firme do camiño e colocaranse sinais verticais.

Esta actuación dá conta do esforzo do Concello de Barbadás por potenciar infraestruturas nos núcleos rurais do municipio e chegar así a toda a veciñanza. “Queremos fomentar o equilibrio territorial dentro do noso concello”, resalta Xosé Carlos Valcárcel. 

Novas, Urbanismo

CONTENT.1770876162

SINGLE.1770876162