31/01/2024
Arrancan os traballos do Obradoiro de Emprego Concellos Rurais coa reforma do parque da antiga escola de Bentraces
O parque da antiga escola de Bentraces mellorará a súa imaxe grazas ao Obradoiro de Emprego Concellos Rurais, no que participan alumnos e alumas dos concellos de Barbadás, Toén, Castrelo de Miño e Taboadela e que facilitará a súa inserción laboral.
A reforma deste espazo de Bentraces xa comezou e está previsto que neste lugar tamén se acondicione o lavadoiro público. Ademais, acometerase a mellora paisaxística nun parque de Currás e dunha zona do parque baixo da rúa Areal, así como o mantemento de zonas verdes das distintas parroquia.
Unha vintena de alumnos e alumnas traballadoras participan neste Obradoiro de Emprego que lles permitirá formarse nos certificados de profesionalidade “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” e “Fábricas de Albanelería”. En total serán 1.920 horas teórico-prácticas que favorecerán a inserción laboral dos participantes.
En Castrelo de Miño, realizarase o acondicionamento dos accesos ao Castro de Santa Lucía; a mellora paisaxística das zonas de lecer de Pescastrelo e melloras na nave municipal de Prado.
En Taboadela, levarase a cabo o acondicionamento do parque de Pasadán; porase en valor o lavadoiro de Vendanova e o lavadoiro e contorna de Outeiro da Mezquita; a mellora paisaxística da aira e fonte de Mingarabeiza.
E, no concello de Toén, faranse obras de mellora nas beirarrúas de Moreiras, Toén, Mugares e Xestosa e repararanse pozos de saneamento nestas mesmas parroquias; así como a limpeza viaria de vexetación de distintas zonas.
O Concello de Barbadás segue demostrando a súa aposta pola formación, a importancia da colaboración institucional entre os concellos e a relevancia deste tipo de iniciativas para fomentar o emprego e a inserción laboral.