13/11/2023

As consultas no Centro de Información á Muller de Barbadás incrementáronse en máis dun 70% dende o 2019

Tamén na loita contra a violencia de xénero a administración local xoga un papel fundamental. Trátase da entidade máis próxima á cidadanía e a que pode actuar nun primeiro momento ante calquera demanda. O Concello de Barbadás detectou un aumento significativo dos casos e as vítimas contan no Centro de Información á Muller (CIM) cun servizo que ofrece asesoramento dende os ámbitos social, psicolóxico de xurídico. Tamén se levan a cabo durante todo o ano diversas campañas e actividades de sensibilización e prevención das distintas formas de violencia.

Os datos con respecto ao número de consultas atendidas no CIM son moi significativos e foron en aumento dende a apertura do centro. Así, no ano 2019 rexistráronse un total de 294 e no ano 2022 a cifra ascendeu a 509, o que supón un incremento de máis dun 70 %. Cómpre destacar que este servizo asiste a calquera muller que o demande, non só de Barbadás senón de toda a provincia. En canto ao número de mulleres atendidas, se entre abril do 2019 e marzo do 2020 eran 54, só entre abril e novembro deste ano a cifra rozou o centenar.

A loita contra esta lacra social é unha prioridade no concello de Barbadás a concelleira de Igualdade, Elisabet González, reclama máis apoio: “Dende o ámbito estatal e autonómico deberíase apoiar mais as entidades locais, xa que somos a porta de entrada dos problemas das persoas, a administración mais cercana a todos e todas e a que antes pode intervir”.

Dispositivo de seguridade para as vítimas

O concello de Barbadás tamén conta co servizo Atenpro, un dispositivo de protección de seguridade para as vítimas de violencia de xénero que está conectado a unha central de alarma as 24 horas do día. Na actualidade son 14 as usuarias e o CIM encárgase de realizar o seguimento.

Ademais, o Concello de Barbadás está adherido á Rede de Entidades Locais fronte á violencia de xénero, entre outras medidas que se levan a cabo como a posta en marcha da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero, con representantes de todas as institucións implicadas nesta loita e que se reúne cada seis meses.

 

Novas

CONTENT.1726324109

SINGLE.1726324109