20/08/2021
As nadadoras “sincronizadas” e as súas familias de Barbadás
Deporte en Barbadás
- Flora Feijóo Vázquez e Paula Álvarez Santos son veciñas da Valenzá e San Lourenzo de Piñor respectivamente e forman parte da directiva do club de natación “Sincro Ourense” no que as dúas fillas nadan “sincronizadas” cos seus equipo.
- Paula é a tesoureira do club e Flora unha das vogais nunha directiva presidida por María José Pedrero dende 2019. No equipo hai tamén catro persoas encargadas dos adestramentos e algo máis de 50 socios e socias que manteñen economicamente o club, xunto co patrocinio de Sousas
- Lamentan non contar con máis apoio económico das institucións públicas, pois o que lles chega delas é “cada vez menos y llega tarde”, segundo Paula. Na conversa con elas expresan o seu desexo de que esta situación cambie, sobre todo agora, para axudar a retomala actividade despois do máis duro da pandemia.
- Durante o verán citaron a parte das nadadoras dos diferentes niveis para que amosaran a súa habilidade e coordinación na piscina municipal de Barbadás. “Queremos dar a conocer el club, porque hay que retomar actividad y competiciones, y nos parece un buen momento para que más niños y niñas se unan a las clases y a los campeonatos”, explica Flora.
Búscanse nenos e nenas “sereas”
- No mes de setembro comezan as probas para os nenos e nenas que gocen na auga e queiran comezar a desenvolver exercicios e coreografías, dende o nivel cero. “Esperamos a las niñas y niños sirena de toda la provincia porque existen, y queremos que estén en el equipo”, detalla Flora con ánimo.
- A súa filla, Cristal, nada dende os tres meses, e co colexio comezou a patinar e a aprender danza tradicional na escola da Deputación. “Hizo gimnasia y natación en Golfiños y a los 4 años, en vez de ver los dibujos animados en la televisión solo quería ver los anillos que anunciaban los Juegos Olímpicos de Londres para estar pendiente de la natación sincronizada”, segundo lembra a súa nai.
- Algo semellante pasou con Laura, a filla de Paula. Dende os 9 meses nadou na piscina do Golfiños e cando tiña 8 anos, o pai levouna a unhas probas do club de sincronizada e xa quedou nel.
- Candela e outra Laura son tamén integrantes do equipo Sincro Ourense e viven ou veranean en Barbadás. Todas teñen en común o seu gusto por nadar, por estar na auga, por practicar novas habilidades, coordinación e flexibilidade por riba ou mergulladas na piscina.
- Adestramentos de 7 a 12 horas semanais e moito compañeirismo son características do club, segundo Flora. E Paula engade que non hai ningún requisito especial nin patrón físico para natación sincronizada. “So se precisa o esforzo e adicación de pais, nais e nadador@s, e ese compromiso fai posible o equipazo que temos”, engade Paula.
- Para posibles candidatos, Paula lembra que este deporte é moi completo porque activa todo o corpo física e psicoloxicamente. “Es un deporte de equipo en el que la unión y comunicación tiene que ser continua para que exista la sincronización que le da nombre”, engade Paula.
- Ese “equipazo” conta con grupos de base dende os 5 anos, e os pasos de nivel dependen da idade e habilidades dos nenos e nenas nadadores. A partires dos 8 anos, seguen as bases (1,2,3 e 4) con grupos que compiten nos campionatos autonómicos até os 18 anos e, por outra banda, os equipos específicos “alevín”, “infantil”, “junior” que inclúen nadadores, tamén até os 18 anos, participantes en campionatos autonómicos e estatais.
- Dende hai dous anos, formouse o equipo “senior” para as nadadoras e nadadores que pasan dos 18 anos e que antes daban por rematada a súa carreira deportiva neste eido. Agora participan tamén en torneos propios a nivel autonómico e estatal. Neste equipo, o “Sincro Ourense” ten 9 nadadoras neste momento, segundo explicou a presidenta do club María José.