20/03/2022
Avoas, fillas e netas aprenden a tocar a pandeireta con Carla e ensaian para a “foliada” do 17 de maio
Sociedade en Barbadás
- Un grupo de veciñas de Sobrado do Bispo e Barbadás, ata o momento, forma parte do grupo de pandeireteiras da asociación cultural San Mauro, no que avoas, fillas e netas ensaian xuntas e prepáranse para a foliada do Día das Letras Galegas, coa axuda de Carla González Rodríguez, que lles dá clase dende 2014.
- Miriam, Noa, Ángeles, Manuela, Modesta, Leti, Pili, Chus, Tita, Amparo, Sinda e Alexandra son, ata agora, as aprendices de pandeireteira que asisten aos ensaios reiniciados tras a fase máis dura da pandemia, cada sábado no local da asociación cultural San Mauro, a poucos metros da capela do santo, na aldea de Barbadás.
- Carla forma parte, á súa vez, do grupo de rondalla e da coral da asociación, pero comezou a dar clase de pandeireta en Barbadás despois da súa participación nun festival de 2013, co grupo musical de Pobra de Trives.
- “Meu pai xa lles daba clase de rondalla e coral e eu participaba nos dous grupos, e cando actuei con meu grupo de Trives pedíronme que lles dera eu clase de pandeireta, e aí comezou todo”, relata Carla.
- As primeiras clases foron para apender o “toque” de muiñeira, e pouco a pouco, segundo ía mellorando a técnica do grupo, os ensaios derivaron cara a outros “toques” como o de “jota”, “pasodoble” e “rumba”, co que están a reiniciarse nestes días.
- “A muiñeira non é a más fácil, pero sempre se comeza por ese toque que se utiliza en todos os grupos musicais, despois practícanse todos os demais, pero pode que o máis complicado sexa tocar a pandeireta e cantar a un tempo”, detalla.
- Entre as “aprendices” está Manuela que foi a que plantexou a Carla “que se atrevese a dar clase de pandeireta”. Para Carla, a proposta foi “unha responsabilidade enorme, e de cara a primeira actuación eu estaba moi nervosa, mentres que algunhas delas xa tiñan experiencia en tocar xuntas na rondalla ou cantar na coral e estaban tan tranquilas”, lembra.
Fórmase como profesora de música
- Carla estuda agora na facultade de Educación para ser profesora de música en Educación Primaria.
- A experiencia destes anos en Barbadás seralle moi útil e mantén as tardes dos sábados libres para axudar nos ensaios. Agora preparan xa a súa participación na foliada de conmemoración do Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio.
- “Participarán todos os grupos de música tradicional de Barbadás, e hai uns cantos”, anuncia. Despois de dous anos inactivo a causa da pandemia, o grupo espera recuperar o ritmo e a participación de veciñas e veciños interesados neste instrumento para o que compre practicar o movemento de boneca.