06/07/2026
Axudas do programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino

Bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2026 (código de procedemento SI429A).
O programa Emega comprende as seguintes modalidades de axuda:
a) Emega Emerxe: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e por conta allea.
b) Emega Impulsa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa continuidade, consolidación e mellora.
c) Emega Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e por conta allea.
d) Emega Concilia: axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
A contía das axudas establécese en función da modalidade solicitada e do número de postos de traballo xerados ou mantidos para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Emega Emerxe: incentivos desde 10.000 € ata 22.000 €.
b) Emega Impulsa: incentivos desde 8.000 € ata 17.000 €.
c) Emega Innova: incentivos desde 18.000 € ata 42.000 €.
d) Emega Concilia:
- Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
- Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € ata 5.000 €.
Prazo de presentación de solicitudes: 3 de agosto de 2026
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260703/AnuncioG0762-190626-0001_gl.html